O Espazo Xove de Ourense acolle ata o vindeiro 2 de decembro a exposición itinerante «Á violencia de xénero… dille non!», unha iniciativa da Xunta de Galicia incluída na programación municipal do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A mostra, situada no número 27 da rúa Celso Emilio Ferreiro, está formada por paneis ilustrados e viñetas de Fausto Deseño Asociados que representan situacións de violencia nas relacións de parella, especialmente entre a mocidade.
O Espazo Xove acolle unha exposición contra a violencia de xénero
A exposición aborda comportamentos como o control, as humillacións, a sextorsión, a chantaxe emocional e a manipulación. O seu obxectivo é axudar a identificar e previr estas condutas, sensibilizar sobre as distintas formas de violencia contra as mulleres e fomentar relacións baseadas na liberdade, a tolerancia e o respecto.


