Xa temos un acordo para gobernar o concello de Vilardevós entre o PSdeG-PSOE e Interior Galego Vivo plasmado nun programa común.
Unha foto das tres concelleiras do PSdeG-PSOE e os concelleiros de IGV serviu para anunciar o acordo de goberno para os próximos catro anos.
Acordo para gobernar o concello de Vilardevós
No acordo de goberno quedan reflectidas as áreas que xestionará cada partido. O PSdeG-PSOE terá responsabilidades en economía e facenda, política social e mocidade, persoal e réxime interior e urbanismo e infraestruturas. Pola súa banda, os concelleiros de IGV terán responsabilidades de goberno en festexos, cultura, deporte, asociacionismo e protección civil e en desenvolvemento rural e medio ambiente.
Unha das particularidades do acordo está no sistema de alcaldía rotatoria acordada por ambas partes. Eva Pérez Gamote, do PSdeG-PSOE, será a alcaldesa desde o 17 de xuño de 2023 ata o 2 de marzo de 2026. Desde esa data, será o IGV o que ocupará a alcaldía ata as eleccións de maio de 2027.
Eva Pérez, futura alcaldesa, indicou que «imos mudar o destino de Vilardevós, consolidando o noso municipio, rematando co abandono que vive o rural, apostando pola mellora de infraestruturas, a limpeza viaria, o impulso do patrimonio ou das fontes de riqueza económica que deben potenciarse en Vilardevós».