O Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego asinaron un acordo de goberno no Concello de Viana do Bolo para o período 2025-2027.
O pacto busca garantir a estabilidade política, superar a parálise institucional e impulsar unha xestión municipal baseada na transparencia, na corresponsabilidade e no interese xeral da veciñanza.
PSOE e BNG pactan un goberno rotatorio en Viana do Bolo
Segundo o documento rubricado polos representantes locais de ambas formacións, a alcaldía será rotatoria. O socialista Germán García-Ávila Arias ocupará o cargo ata o 18 de agosto de 2026, momento no que un edil do BNG asumirá a responsabilidade ata o final da lexislatura. Ademais, constituirase unha xunta de goberno local con dous membros de cada grupo político.

Compromiso coa estabilidade
O acordo inclúe o compromiso de apoiar todas as propostas do grupo que ostente a alcaldía, co obxectivo de asegurar gobernabilidade e evitar bloqueos. Respecto ao uso dos remanentes de tesourería, PSOE e BNG acordaron unha xestión conxunta cun reparto equitativo do 50% para cada forza.
Ambas formacións destacan que a prioridade será atender os problemas estruturais do municipio. Estre eles están a crise demográfica, o envellecemento da poboación, a modernización dos servizos públicos e a revitalización territorial.
Novo modelo de xestión
O pacto aposta por un modelo baseado na participación cidadá, na cohesión territorial e no desenvolvemento sustentable. Tamén garante que cada grupo político poida presentar propostas propias en cuestións alleas ás competencias municipais, preservando así a pluralidade.
Os asinantes subliñaron que este acordo responde á vontade da veciñanza e que o obxectivo común é conformar un goberno estable e eficaz para Viana do Bolo.