Expourense superou no 2024 as 142.000 visitas, un ano marcado pola intensa actividade feiral, deportiva e sanitaria do recinto.
Durante os 12 meses, organizáronse 10 feiras –tres delas con Selo de Internacionalidade do Goberno de España– e 43 competicións deportivas, incluíndo o Campionato de España Absoluto de Atletismo e o Mitin Transfronteirizo de Atletismo.
Expourense bate récords con máis de 142.000 visitas en 2024
Ademais, Expourense converteuse de novo en “vacinódromo”, administrando máis de 27.000 doses contra a gripe e a covid entre outubro e novembro.
A actividade foi presentada esta mañá polo director xerente, Rogelio Martínez González, nun acto presidido por Gabriel Alén Castro, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, en representación do Conselleiro de Emprego, José González Vázquez. Acompañárono Manuel Pardo Cid, delegado territorial da Xunta e presidente do comité executivo de Expourense; Marta Nóvoa Iglesias, vicepresidenta da Deputación de Ourense e alcaldesa de San Cibrao das Viñas; e José Manuel Nogueira Durán, de ABANCA.
Martínez González destacou o papel clave de Expourense como “espazo de cooperación público-privada”. Este papel é clave para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, especialmente de Ourense, organizando eventos que fomentan a competitividade empresarial e facilitan contactos internacionais.
Actividade feiral con proxección internacional
Das 10 feiras organizadas, destacaron Funergal, Termatalia e Xantar, todas con Selo de Internacionalidade. A promoción internacional culminou coa entrega da sede de Termatalia 2025 a Paipa (Colombia). Tamén se consolidou o Salón do Vehículo Clásico e organizáronse eventos como Previsel, Car Outlet, Antiq Auria, Sportur Galicia ou o Salón do Automóbil Novo e de Ocasión, con 489 expositores de 31 países.
Récords na pista de atletismo
A pista de atletismo cuberta, unha das tres en España, foi escenario de 43 competicións e adestramentos, con máis de 26.200 visitas. Destacaron o Campionato de España de Halterofilia e o Mitin Transfronteirizo, a primeira competición internacional organizada no recinto.
Un espazo versátil para eventos e formación
Expourense acolleu máis de 20 eventos alleos ao calendario feiral, entre eles actos políticos, exames oficiais, congresos profesionais e actividades familiares como o “OUR FEST”, exposicións de dinosaurios e circos. No ámbito formativo, organizou tres congresos internacionais, o encontro Inspiro, xornadas técnicas e 12 cursos AFD, nos que participaron 173 persoas.

Expourense pecha así un ano no que reafirmou o seu papel como motor económico e social de Ourense e de Galicia.