As concellerías de Cultura e Participación Veciñal do Concello de Barbadás veñen de presentar a programación de actividades de lecer para o curso 2025/2026.
O Concello promove actividades creativas, deportivas e culturais para fomentar a socialización e o benestar da veciñanza adulta e infantil
Barbadás lanza un amplo programa de lecer para o curso 2025/26
Entre as propostas destacadas figuran talleres de manualidades, clases de pintura, ximnasia de mantemento e aulas de teatro, dirixidas a diferentes tramos de idade e distribuídas por toda a xeografía do municipio.

Obradoiro de manualidades en once locais sociais
As persoas adultas maiores de 18 anos poderán inscribirse no obradoiro de manualidades, onde terán a oportunidade de desenvolver a súa creatividade mediante a elaboración de obxectos decorativos e agasallos personalizados. Este taller celebrarase en once espazos distintos: locais sociais de Loiro, Sobrado, Bentraces, Barbadás, As Lamas, Fonsillón, Finca Fierro, Parada, Piñor, Santa Uxía e no número 5 da Rúa do Ensino (A Valenzá).
Clases de pintura en A Valenzá
Tamén para maiores de 18 anos, as clases de pintura ofrecerán unha inmersión no mundo artístico a través de técnicas e estilos variados. Esta actividade desenvolverase no local municipal situado na Rúa do Ensino nº 5, en A Valenzá.
Ximnasia de mantemento para todos os niveis
A ximnasia de mantemento busca mellorar a condición física e mental nun ambiente motivador. As sesións están pensadas para persoas adultas de todas as idades e niveis e terán lugar en once puntos do concello, incluído o Polideportivo Municipal da Valenzá.
Teatro para todas as idades
A actividade teatral contará con tres aulas diferenciadas segundo a idade:
- infantil (de 6 a 11 anos),
- xuvenil (de 12 a 17 anos) e
- persoas adultas (a partir dos 18 anos).
Todas se celebrarán na Casa da Cultura Manuel María, en A Valenzá, converténdose nun espazo clave para cultivar o talento escénico da veciñanza.
Inscricións ata o 30 de maio
O prazo inicial de inscrición estará aberto do 5 ao 30 de maio de 2025. Pode realizarse de forma presencial no Rexistro do Concello ou nas oficinas municipais da Valenzá. Tamén se pode realizar en formato electrónico a través da sede dixital municipal.
Prezos accesibles
O custo da matrícula anual para as actividades de manualidades, pintura e ximnasia é de 20 euros, mentres que para a aula de teatro será de 24 euros.