Máis de cen mozas e mozos de 1º e 2º da ESO do IES Lauro Olmo de O Barco de Valdeorras participan os días 9 e 10 de abril nun encontro único con dúas activistas hondureñas.
Estas activistas combaten a desigualdade de xénero e os abusos ambientais no seu país.
Dúas activistas hondureñas visitan o IES Lauro Olmo
A visita enmárcase no proxecto educativo «Activistas polo mundo que queremos». Esta actividade promove a reflexión do alumnado sobre as desigualdades globais e o poder do activismo para transformar a realidade.
As protagonistas desta visita son Eunice Esther Núñez Escoto, artista plástica comprometida coa defensa dos dereitos das mulleres e das disidencias sexo-xénero, e Francis Delfina Bautista Bejarano, muller indíxena lenca que lidera procesos de formación e acompañamento a vítimas de violencia machista. Ambas pertencen ao Centro de Derechos de Mujeres (CDM), referente do feminismo en Honduras con máis de 30 anos de traxectoria.

En Honduras, o 43,5% das mulleres adultas non teñen acceso a ingresos, situación agravada entre mulleres indíxenas, afrodescendentes ou rurais. Nun país onde a pobreza, o analfabetismo e o conservadurismo social son máis acusados en determinadas zonas, as fendas de xénero supoñen un dos principais obstáculos para o desenvolvemento democrático.
Durante as súas intervencións no instituto, as activistas compartirán as súas experiencias co estudantado. Ao longo do curso xa traballaron sobre o significado do activismo, tanto en Galicia como noutros contextos. En obradoiros anteriores, exploraron como ferramentas como a radio poden servir para denunciar inxustizas e xerar cambio.
Programa de actividades
O xoves 10 de abril, as activistas tamén manterán unha reunión co alcalde de O Barco, Alfredo García, ás 10h. Ese mesmo día, ás 18h, ofrecerán un encontro aberto ao público en Ourense, na tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia (Rúa Bailén, 6).