O equipo de estudantes do campus de Ourense participará no certame internacional HTL Zero Emission Challenge cun vehículo desenvolvido integramente polo grupo
A Praza Maior de Ourense acolleu este mediodía a presentación de Project: Zero, un kart eléctrico desenvolvido por cinco estudantes de Enxeñería Aeroespacial do campus de Ourense que representará á cidade no certame internacional HTL Zero Emission Challenge, que se celebrará en Austria os días 21 e 22 de outubro.
Ziptie Motorsport levará o seu kart eléctrico a Austria
O proxecto está impulsado pola asociación xuvenil Ziptie Motorsport, integrada por Nicolas Outón, José Luis Penide, Guillermo Penide, Pablo Froiz e Carlos Vázquez, unidos pola súa paixón pola enxeñería e polo karting eléctrico.

O acto contou coa participación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, representantes de todos os grupos políticos municipais e os membros do equipo.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Ourense, co obxectivo de dar visibilidade ao talento mozo e á innovación tecnolóxica local, ademais do patrocinio da empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza.
Primeiro equipo internacional
Ziptie Motorsport foi convidado a participar no HTL Zero Emission Challenge, unha competición centrada na mobilidade eléctrica e sostible que terá lugar no TGM, en Austria.
O equipo ourensán fará historia ao converterse no primeiro equipo internacional que participa neste certame.
O alcalde felicitou os estudantes pola iniciativa e desexoulles «moita sorte e éxitos» tanto na competición como no seu futuro profesional.
Para construír o vehículo, os integrantes de Ziptie Motorsport utilizaron como base o chasis dun EKR SR3, mentres que desenvolveron pola súa conta o resto dos compoñentes, incluído o tren de potencia eléctrico.

