O Concello de Ourense organiza actividades educativas polo Samaín para alumnado de Primaria e Secundaria, cun escape room no claustro de San Francisco e contacontos teatralizados nos centros escolares.
A Concellería de Educación de Ourense celebra esta semana o Samaín 2026 con propostas lúdicas e culturais para o alumnado da cidade.
Ourense celebra o Samaín con máis de 600 escolares
A programación inclúe o escape room Noite Meiga, dirixido a estudantes de ESO, e o contacontos teatralizado Ímolo pasar de medo, destinado a escolares de Primaria.

A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu á primeira sesión de Noite Meiga, celebrada no claustro de San Francisco coa participación de alumnado do CPR Luis Vives e do colexio Guillelme Brown.
A actividade propón retos, enigmas e probas por equipos para achegar a mocidade á tradición popular galega e ao seu patrimonio inmaterial. Durante esta semana tamén participarán estudantes dos colexios Santa Teresa, Padre Feijóo e Cardenal Cisneros.
Contacontos para Primaria
A programación complétase con Ímolo pasar de medo, un contacontos teatralizado da compañía Trécola Teatro, destinado ao alumnado de terceiro e cuarto de Primaria.
Máis de 600 escolares coñecerán a historia do Samaín en Galicia a través de diferentes personaxes. A actividade chegará aos CEIP Irmáns Villar, Curros Enríquez, Prácticas, Albino Núñez, O Couto, Vistafermosa, Mestre Vide e Amadeo Barroso.

