Durante a pasada madrugada, a localidade de Laza foi escenario dunha vaga de actos vandálicos que xerou fonda preocupación entre a veciñanza.
Segundo denunciou publicamente a plataforma cidadá Xuntos por Laza – Interior Galego Vivo, varios vehículos apareceron con rodas «rajadas», un coche foi completamente destrozado e diversas bandeiras LGTBI+ foron queimadas.
Uns actos vandálicos en Laza acenden as alarmas
Estes feitos, considerados especialmente graves pola súa dimensión simbólica e impacto na convivencia, foron condenados con firmeza pola agrupación, que alertou do risco que este tipo de comportamentos supón para a seguridade e o respecto mutuo na vila.

Desde Xuntos por Laza, esixen unha investigación rigorosa por parte das autoridades para identificar ás persoas responsables e que se tomen medidas contundentes contra este tipo de accións. “Non imos calar fronte ao odio nin ao vandalismo”, advirten, subliñando que Laza é un pobo “tranquilo, amable e acolledor”, e que non merece ser escenario de violencia nin intolerancia.

Os feitos teñen lugar nun contexto de sensibilización crecente fronte aos discursos de odio e os ataques a símbolos que representan a diversidade e a inclusión. Por iso, a plataforma cidadá fixo un chamamento á veciñanza para manter a unidade e preservar os valores que definen á comunidade lazá.
A investigación permanece aberta, e desde distintos sectores da sociedade local agárdase unha resposta rápida e exemplar para evitar a repetición destes incidentes.