Entrevistas

Descubrindo ó grupo DeVacas con Paula Romero

A posibilidade de ir descubrindo ó grupo DeVacas fíxose realidade grazas a conversa mantida con Paula Romero, integrante dun dos conxuntos musicais de máis éxito na actualidade.

A música supuxo un dos maiores apoios para a sociedade durante aquelas semanas nas que case toda a poboación estaba confinada nos seus domicilios. Unha vez superada a peor época da pandemia, a música volver a ser un dos grandes reclamos para recuperar a tan ansiada normalidade.

Entrevista ó Grupo DeVacas

2022 permitiu a recuperación case total das festas e festivais que se levaban a cabo en tempos anteriores á pandemia. Nesa frenética actividade que floreceu de novo neste ano, tivo unha presenza destacada o grupo galego DeVacas.

Descubrindo ó grupo DeVacas con Paula Romero
Descubrindo ó grupo DeVacas con Paula Romero

O pasado sábado, 3 de setembro, este grupo que combina a música co humor, actuou na III Romaría Feminista de Barbadás. É precisamente o feminismo un dos motores que insufla a enerxía que as compoñentes de DeVacas mostran nos seus espectáculos.

Descubrindo ó grupo DeVacas con Paula Romero

A conversa con Paula Romero permitiu a Ourensenarede.com coñecer un pouco máis a este grupo que se converteu en auténtica referencia do panorama musical galego. Xunto a Paula, Inés Salvado, Faia Díaz e Guillerme Fernández forman este cuarteto musical.

Como foi afrontar os peores momentos da pandemia coas restricións e cancelacións de eventos?

Asumímolo con resignación, como a maioría de xente cos seus traballos que se viron afectados. Xa sabíamos que non ían saír concertos en moitos meses, que xuntarnos era imposible para crear xuntas que é a metodoloxía que seguimos. Moita resignación esperando o momento de volver a xuntarnos, volver crear e poder cantar.

Lembro o primeiro concerto postconfinamento con moita incerteza. Ó final ti tocas para un público e si ese público non asiste ou está confinado, pois é raro. Ver que eses concertos nos que estamos acostumados a ver un montón de xente se vían reducidos a eses aforos de moi pouca xente.

O bo é o que pasou ata o de agora que parece que estamos recuperando xa a normalidade e no concerto do outro día (Romaría Feminista da Valenzá o 3 de setembro de 2022) xa se viu que era un concerto case prepandemia.

Notouse máis ó dedicarvos profesionalmente a isto.

Publicaciones relacionadas

Sí, si, claro, nós somos autónomas. Pagamos a nosa cota de autónomos e dedicámonos á música. Estábamos no réxime de autónomos pero claro, moi afectados por que ó non ter concertos, para nós é como non traballar.

Unha combinación perfecta

Como xurde a idea de combinar a música có humor?

Ese proceso nace de xeito moi natural porque na primeira xuntanza que fixemos, onde xurdiu a idea de montar un grupo, non foi premeditada. Estabamos xuntas cantando nun coro, recordando música da nosa adolescencia e saíu o tema de que eramos moi fans das «Spice Girls», viñémonos arriba e dixemos que había que facer algo con esas músicas.

Acordabámonos de tódalas letras, as coreografías, sabíamos absolutamente e dixemos «hai que facer algo con isto». Foi unha salvación na adolescencia, unha forma de ser irreverente e de revelarnos. O grupo xa nace dunha situación que da lugar á risa.

No 2016 fixestes o Tour Vacanal. Dos obxectivos daquel momento, cales vos quedan por cumprir?

Creo que seguir creando cousas que lle cheguen a xente. O que máis nos gusta e o que máis nos chega é compartir o que facemos co público. Unha das motivacións máximas de DeVacas é seguir creando e seguir facendo concertos. Seguir creando risas e tendo esas mostras de cariño que temos ó rematar os concertos.

Xente que menciona os nosos concertos coma unha experiencia fantástica ou xente que che dí «levaba moitísimo tempo sen rirme tanto». En definitiva, seguir facendo o que facemos, ese é o obxectivo de DeVacas.

A loita feminista

Na Romaría Feminista de Barbadás lanzouse unha mensaxe á sociedade pero en materia de igualdade da a sensación de que sempre queda tanto por facer….

Como tódolos camiños, para chegar a un obxectivo hai que picar pedra e este é o caso do feminismo. Temos que ir picando pedra ata conseguir realmente a igualdade. Entón, nós dentro do noso, da nosa música, intentamos lanzar mensaxes de feminismo, as catros somos feministas co cal xa partimos dun bo punto. Realmente queda moito por facer pero xa se fixo moito e agora parece que unha das tarefas máis complexas é manter o que se conseguiu, que non nos quiten o conseguido.

Segue chamando a atención ver un grupo formado integramente ou case integramente por mulleres. Esa presencia cada vez máis destacada da muller no escenario é un valor engadido ou debemos pasar páxina e deixar de mirar o xénero de quen actúa?

Estamos no momento de mirar o xénero de quen actúa e darnos de conta que hai moitísimos máis homes por riba dun escenario que mulleres. Creo que un espacio para reflexionar e darnos de conta o que se nos puxo sempre diante nos escenarios foron homes. Que o público se pare e diga «tres cuartas partes deste grupo son mulleres, son creadoras e levan aí moitos anos», pois é un valor engadido que hai que levar á reflexión. Basicamente para darnos conta que en moitísimos festivais e moitísimos espazos segue habendo unha porcentaxe moito máis elevada de homes que de mulleres.

Nas vosas letras falades de moitos termos que son considerados «tabú». Falades da regra, das tetas, do smegma… Temos avanzado algo nese eido ou a sociedade segue indo moi de vagar?

Algo avanzamos pero si que é certo que pode chamar a atención que haxa un grupo de mulleres que falen da menstruación cando é algo que debería estar totalmente naturalizado, é un proceso natural. Pero témolo totalmente desnaturalizado tamén polos medios de comunicación, na televisión seguimos vendo o líquido azul cando anuncian as compresas.

Nós, dentro das nosas posibilidades, intentamos reivindicar todas estas opresións que están sobre a muller e facemos música e humor sobre iso. É a nosa maneira de revelarnos e sentímonos rebeldes con todas estas cousas. Estas creacións creo que son as que máis nos moven, as que máis satisfaccións nos dan cando construímos de repente un himno da menstruación e está todo o mundo cantando.

Estamos acostumados a ver na maioría de cancións que o pracer é masculino en cambio vós dades moita importancia ó pracer femenino. Facedes alusións á excitación feminina, ó orgasmo, etc.. é unha forma de romper barreiras?

Nas presentacións e nas cancións levamos á muller ó sitio que lle corresponde e por suposto liberarnos de todo ese lastre que acabas de mencionar. Ese é a parte feminista que ten DeVacas e despois é a nosa maneira de ser. Intentamos vivir con todas esas etapas superadas e sabemos que moita xente aínda non o sente así e esa é a loita do feminismo, pero nos xa estamos aí.

As letras irreverentes de DeVacas

Supuxeron algún atranco as vosas letras?

Nunca nos vimos censuradas. Nos facemos o que nos apetece e levámolo ós escenarios. O que si podemos ver son reaccións no público, hai xente que chora de risa e outra que bota as mans á cabeza dicindo «Dios mío, que están dicindo estas».

Temos que seguir naturalizando estes temas que todos temos no día a día?

Totalmente, do día a día, naturais, normais e que se deberían normalizar. O feito de falar da menstruación e que o vexan adolescentes que están pasando pola primeira etapa deste proceso é súper importante. Nós non tiñamos ningún referente que normalizase isto. Creo que isto é facer camiño e é positivo.

Tendes a sensación de que as vosas letras chegan mellor grazas ó humor e a teatralidade?

Pois si, posiblemente. Cústanos moito, cando nos definimos, dicir que somos un grupo de versións. As letras sofren tal transformación que é complexo dicir que somos só un grupo de versións. As letras cambian radicalmente, cambian a mensaxe, cambia a lingua… cambia todo. Entón creo que si, con todas esas transformacións chegamos ó público transmitindo a mensaxe que nós pretendemos dar.

Promoción do uso do galego

Descubrindo ó grupo DeVacas con Paula Romero
Descubrindo ó grupo DeVacas con Paula Romero

Que papel xogades vós ou outros grupos similares na promoción do uso do galego?

A mellor promoción do uso do galego é falalo. Nós facemos todo en galego, as presentacións, as letras e tamén é a forma de comunicarnos entre nós no escenario. É interesante que se vexa que o uso do galego pode estar en tódalas esferas. En riba dun escenario, nun espectáculo de humor, nun espectáculo feminista.

Nós facemos este espectáculo fora de Galicia exactamente igual. Non traducimos as letras que temos en galego e enténdennos. Esta é outra das cousas que motiva a DeVacas, seguir falando galego.

A aparición de varios grupos musicais que cantan en galego contribúe a normalizar o uso do idioma e supón un importante pulo na sociedade ó mostrar que se pode usar o galego para todo.

Nós queremos normalizalo e non é unha posta en escena. É o natural para nós, creamos en galego e o que creamos subímolo ó palco do mesmo xeito.

Pondal, Marta Sánchez, Rosalía, Enrique Iglesias. Pensades apostar por novos talentos?

Si si, sen dúbida. DeVacas, na etapa na que imos entrar agora de outono inverno comezaremos a crear un novo espectáculo e xurdirán novos poetas.

DeVacas mira ó futuro

Proxectos para os próximos meses? novidades?

Pensamos seguir creando. Vimos dun verán moi potente, con moitas datas, con moito movemento e agora entramos nunha etapa de encerro e creación. O noso obxectivo agora é crear un novo espectáculo para presentar en 2023.

O modelo seguirá sendo o mesmo, DeVacas cantando cunha guitarra. Esa sinxeleza de ter unha guitarra e tres voces harmonizando ten un poder de comunicación marabilloso. Este formato ten algo especial, está moi espido pero tamén moi arroupado cando o concerto sube.

Falando do guitarrista, é «o rei do mambo» ou «nin pincha nin corta»?

Eu diríache que é unha vaquiña máis.

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba