A vila de Celanova xa ten todo a punto para vivires unha das súas grandes citas do ano: as Festas da Encarnación 2026, que se celebrarán a fin de semana do 1 e 2 de agosto.
Dous días repletos de música, tradición e ambiente festivo nos que veciños e visitantes volverán encher as rúas do municipio.
A Ramallosa: a noite máis máxica e esperada
O momento cumio das festividades chegará a noite do sábado, 1 de agosto, coa celebración da emblemática Procesión da Ramallosa, que dará comezo ás 23:00 horas. Trátase dunha das tradicións máis vistosas e senlleiras da vila, onde os faroliños e a luz enchen de maxia a noite celanovesa.
Nesta edición, o percorrido estará animado polos ritmos festivos de Os Roquiños, Gárgolas, Zapateiros do Son e Street Band. A festa continuará xa ben entrada a madrugada (01:30 h) coas actuacións de BCB, A Felga e Bandiños Band.
Como peche á tradición, o domingo 2 de agosto ás 19:30 h celebrarase na Alameda a entrega dos esperados Premios da Ramallosa, subvencionados pola Asociación Cultural Ramallosa Celanova.

Programación completa das Festas da Encarnación 2026
Sábado, 1 de agosto
- 10:30 h: Pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas do Concello de Celanova.
- 13:00 h: Actuación da banda de gaitas Lembranza Solpor na Praza do Millo.
- 20:30 h a 23:00 h: Animación musical polas rúas da vila con BCB – Bandiños Band.
- 23:00 h: Gran Procesión da Ramallosa acompañada por Os Roquiños, Gárgolas, Zapateiros do Son e Street Band.
- 01:30 h: Actuación de charangas na noite (BCB, A Felga e Bandiños Band).
Domingo, 2 de agosto
- 12:00 h: Procesión e misa solemnes na honra á Virxen da Encarnación.
- 19:30 h: Entrega dos Premios da Ramallosa na Alameda.
- 20:00 h: Concerto da Banda de Música Municipal de Celanova no Claustro Barroco.
- 21:30 h: Fin de festa na Alameda coa actuación do Trío 3.COM.


