Noticias

Homenaxe a Celso de Poulo no Furriolo

O Memorial do Furriolo, na Bola, acollerá o martes 18 de agosto, ás 20:00 h, unha homenaxe a Celso Pérez Enríquez, Celso de Poulo, e ás vítimas da represión franquista nesta contorna.

O acto está organizado polos Amigos da República, o Comité pola Memoria Histórica do Val do Límia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, xunto coa familia de Celso Pérez Enríquez.

Homenaxe a Celso de Poulo no Furriolo

A homenaxe continuará nestas comarcas o Día da Galiza Mártir, celebrado o día anterior. Ademais de Celso de Poulo, lembraranse as persoas paseadas e asasinadas no Furriolo, moitas delas aínda sen identificar.

Homenaxe a Celso de Poulo no Furriolo
Foto: Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Catorce vítimas documentadas

As entidades organizadoras documentaron catorce vítimas asasinadas no Furriolo entre 1936 e 1937. Entre as identificadas están Celso Pérez Enríquez, alcalde republicano de Gomesende e deputado provincial; o mestre Eduardo Villot Canal e o xornaleiro Gumersindo Araújo Sousa, O Requicho.

O resto permanecen sen identificar. Os corpos apareceron en diferentes puntos do Furriolo e da súa contorna, con causas de morte que inclúen feridas de arma de fogo e hemorraxias.

Publicaciones relacionadas

As organizacións reclaman tamén que o Furriolo sexa recoñecido como lugar de memoria, ao abeiro da Lei 20/2022 de Memoria Democrática, e incorporado ao Inventario Estatal de Lugares de Memoria.

Poemas e ofrenda floral

O acto terá lugar diante do Memorial do Furriolo, construído en 2006 polo colectivo Arraianos e restaurado en 2021. A programción inclúe poemas de Pimentel, Celso Emilio Ferreiro e Méndez Ferrín, unha ofrenda floral e palabras da familia de Celso Pérez Enríquez. O peche correrá a cargo do Himno Galego.

Celso de Poulo foi detido o 23 de xullo de 1936 e trasladado aos cárceres de Ourense e Celanova. Entre o 18 e o 20 de agosto foi asasinado no Furriolo e enterrado nunha foxa común. Os seus restos foron trasladados posteriormente ao cemiterio de Sorga e, en 1981, recibiron sepultura definitiva en Poulo.

Botón volver arriba