Eventos

ABanda AL9 levará o seu power pop brasileiro ao Auriense

A banda brasileira Banda AL9 actuará o xoves 26 de novembro en Ourense, nun concerto organizado por Better Things Club no Café Cultural Auriense.

A cita comezará ás 21:00h e permitirá descubrir unha proposta que combina power pop, rock and roll e melodías pegadizas.

A Banda AL9 levará o seu power pop brasileiro ao Auriense

O grupo chega a España este mes despois de completar a súa primeira xira polos Estados Unidos. A súa actuación en Ourense forma parte dun percorrido que inclúe nove concertos por distintas cidades españolas, entre elas Bilbao, Castellón, Valencia, Madrid, Lugo, Ponferrada e León.

Banda AL9 presenta o seu traballo Hey! Hey! We’re Banda AL9, publicado o pasado 17 de xullo por Wicked Cool Records, o selo de Steven Van Zandt, coñecido como Little Steven e guitarrista da E Street Band. O disco reúne once cancións, entre elas Indigo Skye, composta expresamente por Van Zandt para o grupo, e She Can Do It All, asinada por Kurt Baker e Wyatt Funderburk.

A banda tamén prepara o lanzamento da súa versión de That Thing You Do!, previsto para o 30 de outubro, coincidindo co trixésimo aniversario da película da que toma o nome a canción. Esta publicación acompaña a expansión internacional dunha formación que xa actuou en Nova York e participou no programa SiriusXM Little Steven’s Underground Garage.

As entradas para o concerto do Auriense teñen un prezo de 15 euros en venda anticipada e 18 euros na billeteira. Poden adquirirse en Rock Club e no propio Auriense, así como reservarse a través de WhatsApp no número 633 234 658.

Botón volver arriba