A Marcha Mundial das Mulleres realizou este luns unha acción reivindicativa ás portas do IES Xulio Prieto Nespereira, en Ourense.
Alí despregou unha faixa para denunciar as situacións de violencia que, segundo asegura a organización feminista, se están a producir no centro educativo.
A Marcha Mundial das Mulleres denuncia violencia machista no IES Xulio Prieto Nespereira
Esta entidade volveu reclamar a intervención da Inspección Educativa, á que insta a adoptar medidas urxentes ante uns feitos dos que, segundo afirma, xa ten coñecemento. A mobilización pretendeu dar visibilidade ás denuncias trasladadas por persoas que, segundo a Marcha Mundial das Mulleres, estarían sufrindo situacións de violencia no ámbito educativo.

A organización explicou que busca actuar como altofalante das persoas afectadas e facer públicas estas situacións, ao tempo que esixe responsabilidades ás institucións competentes pola súa suposta falta de actuación. Neste sentido, reiterou as súas demandas á Inspección Educativa, á Dirección Territorial e á Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Entre as peticións formuladas figuran unha actuación inmediata ante as denuncias, a realización de investigacións rigorosas e transparentes, a adopción de medidas cautelares para protexer ás posibles vítimas cando sexa necesario, así como mecanismos de acompañamento e protección para as persoas afectadas. Tamén reclama protocolos claros que garantan que ningunha situación de violencia machista quede impune nin sexa silenciada.
A Marcha Mundial das Mulleres anunciou que manterá a presión sobre as institucións para que adopten medidas inmediatas tanto nos casos denunciados no IES Xulio Prieto Nespereira como noutros que poidan aflorar durante o desenvolvemento da campaña.

