Noticias

Xinzo reivindica o liderado das mulleres no campo

Xinzo de Limia acolleu o terceiro encontro de Semillas de Igualdad, a iniciativa de Patatas Meléndez que busca visibilizar o papel das mulleres no sector agrario e impulsar o futuro do medio rural.

A xornada celebrouse no mosteiro de Trandeiras e reuniu agricultoras e representantes de asociacións como ADEGAL e AFAMMER para abordar a igualdade, o recoñecemento profesional e o relevo xeracional.

Xinzo reivindica o liderado das mulleres no campo

As participantes defenderon a necesidade de recoñecer as mulleres como responsables das explotacións agrícolas, tanto na produción como na xestión, e lembraron o legado das nais e avoas que sostiveron a economía familiar e o traballo no campo.

Xinzo reivindica o liderado das mulleres no campo.
Foto: Patatas Meléndez.

Tamén reivindicaron a agricultura como unha actividade empresarial con futuro e destacaron a importancia da formación, a innovación e a transmisión de coñecementos para garantir a continuidade das explotacións.

A pataca tivo un protagonismo especial polo seu peso económico e identitario na Limia. As agricultoras puxeron en valor o seu traballo para mellorar os cultivos e manter a calidade, así como as dificultades que afrontan ante a incerteza climática.

O encontro, promovido no marco do Ano Internacional da Muller Agricultora, é a terceira parada de Semillas de Igualdad, tras as celebradas en Andalucía e Castela e León. As conclusións servirán para elaborar un documento con propostas sobre o papel das mulleres no futuro do sector agroalimentario e rural.

Botón volver arriba