O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o CPI Plurilingüe José García García para coñecer o desenvolvemento de Medra en Movemento.
Esta iniciativa promove a aprendizaxe activa, os hábitos saudables e o desenvolvemento integral do alumnado.
Manuel Pardo coñece o proxecto educativo Medra en Movemento
Durante a visita, Pardo reuniuse co equipo docente e co alumnado do centro, situado en Mende. O delegado da Xunta destacou a importancia dunha educación que vaia máis alá da transmisión de coñecementos. «Educar é moito máis que ensinar; é acompañar, coidar e ofrecer oportunidades para construír o futuro», sinalou.

O programa, dirixido a Educación Infantil e ao primeiro ciclo de Primaria, incorpora actividades ao aire libre e aproveita a contorna natural do colexio para favorecer unha aprendizaxe activa, adaptada aos ritmos de desenvolvemento dos nenos e nenas.
O centro tamén promove a alimentación saudable mediante almorzos equilibrados de media mañá e obradoiros culinarios nos que participan as familias. A iniciativa inclúe froita fresca os luns, sándwich integral os mércores e lácteos ecolóxicos os venres.
Pardo salientou a importancia da colaboración entre a escola e as familias para consolidar hábitos saudables dentro e fóra das aulas. Tamén defendeu un modelo educativo que incorpore o benestar emocional, a inclusión, a autonomía e a convivencia, especialmente nos centros das contornas rurais.

