Noticias

O Outono Gastronómico reúne 14 establecementos en Ourense

A 20ª edición do Outono Gastronómico no Turismo Rural conta este ano con 14 establecementos da provincia de Ourense e desenvolverase ata o 20 de decembro, combinando gastronomía e aloxamento para impulsar o turismo rural e favorecer a desestacionalización.

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou a campaña en Cenlle, acompañado polo xefe de área de Turismo, Cecilio Santalices, e a alcaldesa, Rebeca Sotelo.

O Outono Gastronómico reúne 14 establecementos en Ourense

A iniciativa ofrece diferentes modalidades, desde o Menú Outono Gastronómico, sen aloxamento, ata paquetes dunha ou dúas noites e a modalidade Outono Plus, que incorpora actividades como sendeirismo, paseos a cabalo, surf ou visitas a adegas. Os prezos sitúanse entre 40 e 375 euros.

O Outono Gastronómico reúne 14 establecementos en Ourense
Foto: Delegación da Xunta.

Segundo destacou Pardo, a campaña, posta en marcha en 2007, acumula máis de 110.000 participantes e xerou máis de 7,3 millóns de euros no turismo rural galego ao longo das súas edicións.

En Ourense participan Garandela Turismo Rural (Cenlle), Vila Centellas e La Rectoral de San Eusebio (Coles), Reitoral de Chandrexa (Parada de Sil), Eido das Estrelas (A Veiga), Casa Ramirás, Casa Rural Vilaboa (Allariz), Rectoral de Ansemil (Celanova), Casa Sabariz, Rectoral de Candás e Aldea Rural Santo André (Rairiz de Veiga), Casa a Rousía (Baltar), O Retiro do Conde (Monterrei) e Casa da Feira (Lobios).

A promoción inclúe publicidade en medios, redes sociais, autobuses urbanos e metropolitanos de Ourense, así como a colaboración de creadores de contido e a distribución de 8.400 guías e 500 carteis.

Botón volver arriba