A Xunta destina máis dun millón de euros a mellorar as infraestruturas turísticas de 35 municipios ourensáns de menos de 10.000 habitantes, no marco dunha liña de axudas de Turismo de Galicia dotada con 2 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou Oímbra para coñecer o proxecto de consolidación do arco de acceso ao Pazo das Portadas, que conta cunha achega próxima aos 30.000 euros.
A Xunta mellora as infraestruturas turísticas de 35 concellos ourensáns
A actuación busca frear a degradación deste elemento arquitectónico mediante a súa recuperación e o posterior soterramento do cableado eléctrico.

A primeira fase contempla o desmontaxe e consolidación do muro de perpiaños graníticos. Tamén inclúe a recuperación do arco e a impermeabilización da parte superior para evitar a entrada de auga. Na segunda fase procederase ao levantamento do pavimento e ao soterramento da liña eléctrica.
Segundo explicou Manuel Pardo, estas axudas pretenden impulsar e consolidar a oferta turística no rural, con actuacións de recuperación, accesibilidade e sinalización de recursos. As subvencións poden cubrir ata o 100 % do investimento, cun límite de 30.000 euros por actuación.
Entre os concellos beneficiarios figuran, ademais de Oímbra, Maceda, Boborás, Verea, Bande, Cortegada, Parada de Sil, A Arnoia, Allariz, Avión, Laza, Leiro, Nogueira de Ramuín ou Taboadela, entre outros.
O Pazo das Portadas foi residencia de verán dos Condes de Monterrei. Este inmoble conserva elementos vinculados á historia fidalga de Oímbra, entre eles dous brasóns da familia propietaria do inmoble.

