A CEO e a Xunta presentaron na comarca do Ribeiro os apoios e servizos do Igape para impulsar a actividade empresarial no rural.
Esta xornada, celebrada no Centro Social de Muimenta no marco de Conecta Ourense Rural, reuniu a preto de 40 representantes de diferentes sectores do tecido empresarial.
A CEO achega ao Ribeiro os apoios do Igape para impulsar o rural
O encontro, o décimo organizado pola CEO dentro desta iniciativa, contou con persoal técnico do Igape e de Conecta Ourense. Estes explicaron as principais liñas de axudas e os servizos de asesoramento dispoñibles para pemes e persoas autónomas.

Na apertura, o presidente da CEO, David Martínez, destacou a aposta da organización polo tecido empresarial das zonas rurais e pola creación de oportunidades que permitan iniciar ou consolidar proxectos. Pola súa banda, a presidenta de AJE Ourense, Noelia Rodríguez, subliñou a importancia da cooperación entre empresas, institucións e territorio.
Durante a xornada, Carla García, técnica responsable das Oficinas Sur do Igape, explicou o funcionamento da Oficina Económica de Galicia e programas como Re-acciona, os asesoramentos expertos, as Business Factories ou os Polos de Emprendemento. Tamén abordou diferentes axudas relacionadas co emprego autónomo, o emprendemento, a remuda comercial, as startups e a internacionalización.
María Fernández, responsable de Conecta Ourense, detallou os servizos de asesoramento individualizado que ofrece a oficina. Entre eles está a elaboración de follas de ruta adaptadas ás necesidades de cada empresa e o acompañamento durante a tramitación das axudas.
A sesión incluíu tamén casos prácticos sobre o funcionamento dos asesoramentos expertos da Oficina Económica de Galicia, con exemplos de empresas que recibiron apoio en ámbitos como o negocio ou as finanzas. O servizo é gratuíto e conta con máis de 100 persoas expertas en diferentes áreas.
A xornada rematou cunha visita guiada á Aldea Modelo de Muimenta Viva. Alí explicouse o proxecto de dinamización deste espazo e a súa conexión co emprendemento, o coliving público e o tecido empresarial da comarca.

