A prevención da violencia de xénero centrou unha nova sesión do Programa Rosalía celebrada na Casa da Cultura de Sandiás, onde se puxo o foco na importancia de identificar os primeiros sinais de control, manipulación e violencia psicolóxica antes de que deriven en situacións máis graves.
A actividade, desenvolvida o pasado 8 de xullo e dinamizada por Laura Seara Sobrado, estivo orientada a ofrecer ferramentas para recoñecer aquelas formas de violencia que adoitan permanecer invisibles, pero que resultan fundamentais para actuar a tempo.
Sandiás reforza a prevención da violencia de xénero co Programa Rosalía
Durante a sesión destacouse que a prevención comeza moito antes das agresións máis evidentes. Detectar comportamentos de control ou manipulación nas relacións permite intervir de maneira temperá e evitar que estas condutas se consoliden.

O encontro converteuse tamén nun espazo de reflexión e diálogo, no que as persoas participantes puideron compartir experiencias e analizar como fomentar relacións baseadas na igualdade, o respecto e a liberdade.

