Arredor de 40 integrantes de Amigos dos Museos de Galicia, encabezados polo seu presidente, o arqueólogo, xestor cultural e escritor Felipe Senén, visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, para afondar na historia, as lendas e a memoria deste espazo natural da Limia.
A visita guiada á Casa da Lagoa estivo a cargo de Pepe Gándara, coordinador do centro, quen articulou o percorrido arredor da xeografía, a etnografía e a xeografía mítica do territorio.
Felipe Senén achega a historia da Lagoa de Antela en Sandiás
Os participantes coñeceron a evolución da paisaxe lacustre a través da cartografía histórica de Domingo Fontán, así como as pegadas da presenza humana desde a época prerromana. A explicación tamén abordou o desecamento da lagoa durante o franquismo e a concentración parcelaria, dous procesos que transformaron profundamente o territorio.

Lendas, tradicións e arquitectura tradicional
O percorrido reservou un espazo destacado para as lendas vinculadas á Lagoa de Antela, entre elas as da cidade de Antioquía, a princesa ra, Inés de Castro e o rei Artús. A lectura case dramatizada dunha versión da lenda de Antioquía, recollida por Elixio Rivas Quintas, foi un dos momentos máis destacados da xornada.
A visita tamén permitiu coñecer aspectos do folclore, a toponimia e as antigas actividades económicas da zona. Como peche, abordouse a arquitectura tradicional sustentable, baseada no emprego de terróns e felpas de terra e raíces de xunco para construír casas e palleiras.
Por falta de tempo, o grupo non puido visitar as Areeiras de Sandiás, aínda que quedou aberta a posibilidade de realizar unha futura visita a este espazo e coñecer o seu potencial para a recuperación de zonas húmidas.
A experiencia deixou unha valoración positiva entre os asistentes, que agradeceron a acollida e a oportunidade de afondar no patrimonio natural, histórico e cultural da Lagoa de Antela.

