O grupo TOR regresará ao Concello de Sandiás para presentar o seu segundo traballo discográfico, «Zira», nun concerto gratuíto que terá lugar o sábado 8 de agosto, ás 21.00 horas, na contorna da Torre do Castro, un dos espazos patrimoniais máis emblemáticos da comarca.
A actuación permitirá gozar da música folk galega e celta nun escenario de gran valor histórico, onde a banda ofrecerá un repertorio baseado no seu novo disco, sen esquecer algunhas das pezas máis representativas do seu percorrido musical.
TOR presenta «Zira» nun concerto gratuíto na Torre do Castro de Sandiás
Formado por Félix Castro, Cástor Castro, Xosé Liz e Álvaro Iglesias, TOR consolidouse como unha das formacións de referencia do folk instrumental galego. O cuarteto combina instrumentos tradicionais como a gaita, a frauta de madeira e o acordeón diatónico con outros propios da música celta, como o bouzouqui ou a angloconcertina, creando un son acústico de marcado carácter tradicional.
Durante o concerto interpretarán muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras e piruxaldas, xunto con pezas máis intimistas como alalás, cantos de reis, valses e mazurcas. O repertorio inclúe composicións procedentes do Arquivo Castro Vicente e melodías da tradición portuguesa, vasca e castelá.
Este álbum «Zira» ten unha especial vinculación con Sandiás. O título combina a referencia á Torre do Castro, símbolo de fortaleza e renovación, coa palabra bereber zira, que significa «luz de lúa chea«. Ademais, a portada do disco está protagonizada pola propia Torre do Castro, onde o grupo xa protagonizara un concerto en 2023.
O traballo reúne composicións propias e melodías tradicionais galegas recuperadas de arquivos históricos, con temas como Mareantes, Mazurcas, Muiñeira Coitada, Pascuña ou Alalá de Lobeira, e conta coa colaboración de músicos como Ruma Barbero, Carlos Quintá, Pancho Álvarez, Luis Peixoto, José Climent e Soco Rúa.

A entrada ao concerto será gratuíta, convertendo esta cita nunha oportunidade para desfrutar dunha noite de música en directo nun enclave patrimonial único.

