Noticias

A maxia do Mago Teto mesturouse co rock galego en Sandiás

Preto de 100 persoas reuníronse o pasado sábado, 15 de agosto, na praza de Dona Irene de Sandiás para gozar de Galerock ’n’ Magic, o espectáculo do Mago Teto, que combinou maxia, música en directo e rock galego.

A proposta, que comezou ás 21:00 h, realizou unha viaxe pola historia musical de Galicia, desde o rock do Xabarín Club e o movemento bravú dos anos 90 ata bandas e artistas da escena galega máis actual.

Sandiás goza de Galerock ’n’ Magic co Mago Teto

O espectáculo estivo dirixido por Fran Rei e contou coa participación de Fer Risco á batería e Mon Orencio á guitarra. Xuntos construíron unha posta en escena na que os clásicos do rock galego conviviron con diferentes xogos e efectos de maxia.

Sandiás goza de Galerock ’n’ Magic co Mago Teto
Foto: Concello de Sandiás.

O público participou activamente nun espectáculo que incluíu aparicións, adiviñacións, xogos de cartas, moedas, cordas, dominó e ilusións visuais, ademais doutras propostas especialmente pensadas para as crianzas.

A música en directo, a iluminación e a interpretación teatral completaron unha experiencia que buscou achegar a maxia a diferentes xeracións a través da música galega.

Publicaciones relacionadas

A organización destacou a elevada participación e agradeceu a presenza dos veciños e veciñas de Sandiás, da comarca da Limia e doutros puntos de Ourense e Galicia, que contribuíron a encher a praza de Dona Irene.

Galerock ’n’ Magic converteu así Sandiás nun punto de encontro entre a maxia e a memoria musical galega, recuperando sons que marcaron a varias xeracións e conectándoos coa creación artística actual.

Botón volver arriba