Noticias

A Limia pecha o Ano Oteriano cunha homenaxe a Otero Pedrayo

A Limia pechou este sábado, 12 de setembro, os actos conmemorativos do Ano Oteriano 2026 cunha xornada no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, dedicada á relación de Ramón Otero Pedrayo coa paisaxe e a xeografía da comarca.

Preto de setenta persoas participaron nun encontro que combinou divulgación, literatura e lembranzas persoais.

A Limia pecha o Ano Oteriano cunha homenaxe a Otero Pedrayo
Foto: Concello de Sandiás.

A sesión contou coa intervención do catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Augusto Pérez Alberti. Este abordou a relación de Otero Pedrayo coa paisaxe galega e limiá. Pola súa banda, o escritor e divulgador Xosé Benito Reza recuperou a súa experiencia no proxecto de rehabilitación das Areeiras da Limia. Reza ofreceu unha peza narrativa ambientada na época romana e na Via Nova XVIII ao seu paso pola comarca.

O acto pechouse coa intervención de Xosé Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, que repasou a vida e traxectoria do escritor ourensán. Tamén se presentou o documental Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe, de María José Bravo Bosch.

A iniciativa completouse o 5 de setembro no Museo Etnográfico da Limia, en Vilar de Santos, cunha primeira sesión centrada na dimensión literaria e etnográfica da relación de Otero Pedrayo coa comarca. Nela participaron Paco López-Barxas, Patricia Arias Chachero e Xosé Carlos Sierra Rodríguez.

Os dous encontros permitiron afondar no legado do escritor, xeógrafo e intelectual ourensán e na importancia que A Limia e a Lagoa de Antela tiveron como fonte de inspiración da súa obra. A organización destacou que o obxectivo foi contribuír a coñecer, comprender e sentir a paisaxe limiá a través da mirada de Otero Pedrayo.

Botón volver arriba