A plataforma Macroplanta Biogás na Limia NON rexistrou este luns máis de 1.600 alegacións contra o proxecto de instalación dunha macroplanta de biogás en Xunqueira de Ambía.
As alegacións contra esta Macroplanta impulsada por ENCE presentáronse nas oficinas da Subdelegación do Goberno e no propio Concello.
A veciñanza presenta 1.600 alegacións á macroplanta de biogás
Os escritos presentados pola veciñanza superan xa os recollidos durante todo o primeiro proceso de participación pública, desenvolvido entre outubro e novembro. Segundo o colectivo opositor, este incremento evidencia que a alarma social foi en aumento a medida que a sociedade civil se organizou para suplir o que consideran un baleiro de información arredor do plan industrial.

Desde a plataforma sosteñen que o proxecto supón graves riscos ambientais e sanitarios, ao situarse na contorna da Lagoa de Antela, un espazo integrado na Rede Natura, con posibles afeccións á fauna e á flora, así como á calidade de vida das persoas residentes nas localidades próximas.
Fronte á mobilización veciñal, o goberno municipal de Xunqueira de Ambía vén de facer público un escrito de alegacións que, segundo Macroplanta Biogás na Limia NON, non cuestiona a viabilidade ambiental nin social da instalación, nin solicita a denegación dos permisos. O colectivo critica especialmente a localización prevista da macroplanta, que inclúe un polígono fotovoltaico lindeiro cunha ZEPA, así como a ocupación de áreas protexidas por infraestruturas auxiliares.
A plataforma anunciou que nas próximas semanas intensificará as accións informativas, coincidindo co tramo final do prazo para presentar alegacións. Lembra, ademais, que continúan habilitados 31 puntos de recollida en nove concellos da comarca para canalizar novos escritos de oposición ao proxecto.

Entre os impactos advertidos polo colectivo figuran os cheiros asociados a este tipo de instalacións, xa contestados noutros puntos do Estado, o tratamento anual de 166.000 toneladas de residuos, segundo a propia promotora, así como vertidos a augas nunha zona inundábel. A isto súmase a situación dunha comarca con augas afectadas por nitratos, pendente aínda da declaración oficial como Zona Vulnerábel.
