O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta tarde o seu 5º Congreso Provincial onde Álvaro Vila Araújo foi proclamado novo secretario xeral tras gañar as recentes eleccións primarias.
O evento contou coa participación de máis de 250 persoas, entre delegadas, delegados e convidadas e convidados. A sesión estivo presidida por Diego Alonso e contou 96 delegados con dereito a voto.
Álvaro Vila proclámase secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense cunha mensaxe de unidade
Os órganos internos do partido foron aprobados cun amplo respaldo:
- a executiva provincial, o comité provincial e o representante no comité federal obtiveron un 94,37 % de apoio,
- a comisión de ética foi ratificada cun 94,29 %.
Durante o seu discurso de clausura, Vila Araújo fixo unha chamada á unidade do partido e á mobilización social. “Hoxe non comeza un camiño novo, senón un novo tramo dun percorrido que compartimos”, afirmou. Vila destacou a política como “ferramenta para cambiar vidas e construír unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis libre”.

O novo líder socialista puxo en valor o papel do PSdeG-PSOE como “panca do cambio” na provincia. Subliñou a necesidade de combater o despoboamento e de impulsar a Galicia interior: “Temos que loitar pola innovación no rural, pola mellora dos servizos públicos, polo transporte digno, pola conectividade e polo acceso á vivenda”.
Vila Araújo insistiu en que o seu primeiro compromiso como secretario xeral é a unidade: “Unidade non significa uniformidade, senón respecto e un obxectivo común: mellorar a vida da xente”. Reivindicou un partido “pegado ao territorio, que recupere músculo en cada comarca, en cada concello e que escoite a cada agrupación”.

O novo secretario xeral comprometeuse tamén cun proxecto de futuro inclusivo e igualitario: “Queremos unha provincia onde nacer nun pequeno concello non implique ter menos oportunidades, onde as mulleres poidan conciliar e a xuventude quedarse, emprender e formar unha familia”.
No peche do congreso, fixo un chamamento á militancia a “construír un PSdeG-PSOE máis forte, máis aberto, máis útil e que levante a voz pola nosa terra”. E concluíu cunha mensaxe de esperanza: “Ourense non está condenada ao abandono, está chamada ao renacemento, e nós estamos chamados a liderar ese renacer”.