Noticias

A Deputación proxecta un aparcadoiro gratuíto de 200 prazas na Cuña

A Deputación de Ourense habilitará un aparcadoiro disuasorio público e gratuíto na Cuña, con 200 prazas iniciais, 13 delas accesibles. A primeira fase contará cun orzamento de 419.270,02 euros e un prazo de execución de catro meses.

O presidente provincial, Luis Menor, presentou o proxecto, que se desenvolverá en terreos da Deputación entre as rúas Alberto García e Cuña de Abaixo. A actuación busca aliviar os problemas de estacionamento no sur da cidade e facilitar o acceso aos hospitais, centros educativos e outros servizos.

A Deputación proxecta un aparcadoiro gratuíto de 200 prazas na Cuña

O recinto estará a uns 500 metros dos hospitais do Cristal e Santa María Nai e da Universidade Laboral. Tamén dará servizo aos usuarios do CIFP A Farixa, o Paco Paz e Expourense.

A Deputación proxecta un aparcadoiro gratuíto de 200 prazas na Cuña
Foto: Deputación de Ourense.

O proxecto contempla unha segunda fase con outras 191 prazas, oito accesibles, que permitirían alcanzar un total de 391. A ampliación dependerá da demanda. O investimento global estímase en aproximadamente 900.000 euros.

Botón volver arriba