O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou este luns o esforzo do Executivo español para protexer a apicultura, recoñecida polo Consello de Ministros como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.
Fíxoo durante unha visita ás instalacións de produción de mel da empresa Manufacturas Partner, S.L., situada no Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá.
Eladio Santos enxalza o labor do Goberno en defensa da apicultura
Tras percorrer a planta, Santos felicitou a Antonia Franco e Jens Kleinwächter, responsables da marca O Marquesado, polos seus “excelentes produtos” e polo “compromiso cun modelo de produción sostible”.
Destacou que “tradición, sustentabilidade e emprendemento poden ir da man”, poñendo en valor a iniciativa empresarial.
O subdelegado explicou que a recente declaración do Consello de Ministros busca “contribuír á salvagarda, coñecemento e continuidade dunha práctica ancestral, profundamente arraigada na nosa identidade e que achega enormes beneficios ao ecosistema”.
Subliñou que a apicultura representa “valores de esforzo, respecto polo medio ambiente e conexión coa terra”.
Ademais, advertiu dos retos que afronta o sector debido ao cambio climático, que ameaza tanto ás abellas como á biodiversidade. Reiterou así o compromiso do Goberno coa apicultura, “unha actividade profundamente vinculada ao territorio e respectuosa coa súa contorna”.

Santos quixo rematar coa súa felicitación aos traballadores desta empresa que, segundo lembrou, “leva poñendo en valor a serra desde 1896”.