O Concello de Barbadás vén de recibir luz verde do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para executar o seu terceiro proxecto de modernización do alumeado público.
Este estará centrado na substitución de 581 vellas luminarias por outras con tecnoloxía LED.
Barbadás aforrará un 83% de enerxía con novas luminarias LED
A actuación afectará principalmente aos núcleos de Barbadás e Bentraces, cun orzamento de 350.984,24 euros e un aforro estimado do 83 % no consumo enerxético.
A iniciativa enmárcase dentro da estratexia municipal de optimización das instalacións eléctricas e de redución da contaminación lumínica. “Esta actuación faise a través dun préstamo a dez anos, xa contemplado nos orzamentos de cada ano”, explicou Victoria Morenza, tenente de alcalde e concelleira de Servizos Públicos.

As novas luminarias repartiranse en nove instalacións de alumeado público, e permitirán mellorar a calidade da iluminación con sistemas máis eficientes e sustentables. “Isto vai supoñer a modernización dun alumeado moi obsoleto. Hai bombillas que xa non se fabrican e que son difíciles de atopar”, engadiu Morenza. A tentende de alcalde destacou que os préstamos concedidos polo IDAE esixen estritos criterios para minimizar a contaminación lumínica.
O prazo de execución da obra será de 12 semanas, polo que os veciños comezarán a ver os cambios nas instalacións e cadros eléctricos nas próximas semanas.