O salón de plenos do Concello de Barbadás acolleu esta mañá a entrega de premios da oitava edición de “Barbadás a bocados”, concurso gastronómico celebrado os días 12 e 13 de setembro que rexistrou un gran éxito de participación, con preto de 9.000 pinchos servidos polos 11 locais hostaleiros inscritos.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, agradeceu a implicación dos establecementos e destacou “o traballo de todos os hostaleiros e hostaleiras, así como das novas xerencias que se animaron a participar”.
“Barbadás a bocados” reparte 9.000 pinchos e premia aos mellores
Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Marga Pérez, puxo en valor o bo ambiente e as positivas valoracións dos negocios e da cidadanía: “Grazas ao público por saír á rúa e degustar as 11 propostas”, dixo.
Dobre recoñecemento para Ourenexpress
O xurado popular, que alcanzou un récord de 670 votos nesta edición, outorgou o primeiro premio á Cova do Savio co pincho “Ma&Lu”, mentres que Ourenexpress quedou en segundo lugar co seu prato “Tamari&Gai”.

No apartado profesional, con xurado formado por tres membros da Escola de Hostalería e Turismo de Ourense, o galardón principal foi para Wakanda polo seu “Bocado wakandiano”, unha proposta “simple pero sorprendente”, segundo explicou a integrante do xurado Noelia Fernández. Ourenexpress tamén foi recoñecido co segundo premio profesional e o premio á creatividade pola súa mestura de sabores e presentación.
Sorteo de vales entre o público
Ademais dos recoñecementos gastronómicos, entregáronse agasallos por parte das empresas colaboradoras Coren, Coto de Ousande e Fruta Legufrut, mentres que o Concello obsequiou ao xurado polo seu labor.
Tamén se celebrou o tradicional sorteo entre o público votante, no que 10 persoas resultaron premiadas con vales de 40 euros para gastar en comercio e hostalería local. As actas do xurado e o reconto de votos populares estarán dispoñibles no Centro Empresarial Transfronteirizo (CET).