O Concello de Barbadás destinou 4,9 millóns de euros á prestación de servizos públicos no ano 2025, segundo recolle un folleto informativo repartido entre a veciñanza.
A través deste documento, o goberno local desglosa con claridade como se distribúe o orzamento municipal e recalca que o custo dos servizos supera amplamente a cantidade recadada mediante impostos e taxas no ano anterior, que foi de 3,9 millóns de euros.
O Concello de Barbadás detalla aos veciños o destino dos seus impostos
A achega media diaria por cidadán para manter todos os servizos municipais é de 0,96 euros. Ademais, o Plan de Obras 2025 conta cun investimento adicional de 1,1 millóns, cofinanciado pola Deputación, a Xunta e o Goberno central.
Os servizos públicos levan a maior parte do orzamento (28%), seguidos pola educación (20%), o fomento do deporte (18%) e os servizos sociais (17%). O resto repártese entre seguridade (9%), transporte (4%) e apoio ao emprendemento (3%).
O Concello subliña que o custo real de moitos servizos é moi superior ao que se ingresa por eles. Por exemplo, a Escola de Música custa 251.617 euros, fronte aos 30.555 euros recadados; o polideportivo supón 323.633 euros, pero só xera 69.056 euros; e a piscina municipal, con 67.355 euros de custo, apenas aporta 24.202 euros de ingresos.
Entre os principais gastos figuran tamén a recollida de residuos sólidos urbanos (918.117 euros), a Escola Infantil Municipal (441.417 euros), as escolas deportivas (386.703 euros), o alumeado público (209.804 euros) e a Policía Local (379.468 euros).
Con esta campaña de información, o Concello de Barbadás pretende concienciar á cidadanía sobre o valor dos servizos municipais e a importancia da contribución colectiva ao benestar común.
Listado detallado de gastos
Custo dos servizos prestados polo Concello de Barbadás en 2024, ordenado de maior a menor importe.
Nº | Concepto | Importe (€) |
1 | Recollida Residuos Sólidos Urbanos (RSU) | 918.117,49 € |
2 | Escola Infantil Municipal | 441.417,24 € |
3 | Axuda no fogar | 436.522,13 € |
4 | Escolas deportivas | 386.703,50 € |
5 | Policía Local | 379.468,00 € |
6 | Polideportivo | 323.633,92 € |
7 | Escola de Música | 251.617,01 € |
8 | Alumeado público | 209.804,53 € |
10 | Mantemento de colexios | 191.780,00 € |
9 | Espazo infantil e mocidade | 176.594,48 € |
11 | Bono transporte | 132.435,86 € |
19 | Servizos de abastecemento/saneamento/vertidos | 89.115,09 € |
18 | Piscina municipal | 67.355,14 € |
12 | Atención a persoas celíacas | 39.200,00 € |
13 | Bos días Cole | 36.513,49 € |
14 | Protección Civil | 35.038,82 € |
16 | Bono transporte ensino posobrigatorio | 31.562,50 € |
15 | Actividades polas aldeas | 31.146,27 € |
17 | Campamentos Concilia Verán | 29.297,67 € |
24 | Campamentos de inglés | 18.000,00 € |
27 | Aportación ao Banco de alimentos | 16.225,75 € |
20 | Formación á cidadanía | 13.020,00 € |
21 | Centro Empresarial Transfronteirizo | 12.005,00 € |
22 | Actividades extraescolares | 9.024,42 € |
23 | Obradoiros de memoria | 8.660,00 € |
25 | Clinic multideporte | 5.200,00 € |
26 | Aulas de teatro | 3.939,86 € |
Folleto informativo do Concello de Barbadás

