O BNG de Barbadás acusou ao Goberno Local de PSdeG-PSOE e Democracia Ourensana de querer ceder solo público para construír un cuartel da Garda Civil na Valenzá.
Sarín Núñez, portavoz nacionalista, denunciou que “tal e como xa ten manifestado en varios plenos o propio alcalde, pretenden regalarlle o aproveitamento urbanístico ao que ten dereito o Concello ao Ministerio do Interior para levantar o citado cuartel”.
O BNG critica o intento de construír un cuartel da Garda Civil na Valenzá
A formación nacionalista considera esta iniciativa innecesaria e mal priorizada, argumentando que Barbadás se atopa a escasos quilómetros da Comandancia da Garda Civil en Santa Mariña e que conta cun Corpo de Policía Local. “O que habería que facer é reforzar e dotar de máis medios humanos e materiais á nosa Policía para que poidan desenvolver o seu cometido nas mellores condicións”, afirmou Núñez.

O BNG tamén puxo o foco noutras necesidades que, ao seu xuízo, deberían ser atendidas con maior urxencia. “En Barbadás hai moitas carencias en infraestruturas públicas e servizos sociais. Seguimos sen un Instituto de Educación Secundaria (IES), obrigando á nosa mocidade a desprazarse a Ourense a diario para estudar”, indicou o portavoz.
Segundo denunciou o BNG, o Executivo local pretende ceder o solo público situado enriba do Centro de Saúde da Valenzá e limítrofe coa Rúa do Viso. Para Núñez, eses terreos deberían destinarse a proxectos máis útiles socialmente, como unha nova escola infantil, unha escola de música ou vivenda pública.
“Esta proposta é unha absoluta irresponsabilidade e unha nova mostra do nepotismo co que nos ten acostumados o actual rexedor e o seu grupo de goberno”, concluíu o portavoz nacionalista.