Noticias

O BNG denuncia o peche da unidade de Covid persistente en Ourense

A pandemia da Covid-19 deixou secuelas importantes no ámbito sanitario, entre as que destaca a situación das persoas que padecen Covid persistente, segundo alertou o BNG.

Esta mañá, a deputada do Bloque por Ourense, Noa Presas, acompañada do portavoz municipal Luís Seara e da concelleira Erea Blanco, participou nunha concentración diante do CHUO convocada por persoas afectadas por esta enfermidade crónica.

O BNG denuncia o peche da unidade de Covid persistente en Ourense

Presas denunciou que “a Unidade Multidisciplinar atendía tanto a pacientes con secuelas graves da fase aguda como aos diagnosticados de Covid persistente”, pero advertiu de que en 2024 comezou o seu desmantelamento por parte da Xerencia ao non cubrir as baixas de persoal. “Agora pretenden culminar co peche, abandonando aos centos de pacientes dunha área de referencia que abrangue máis de 300.000 persoas”, asegurou.

As afectadas e afectados por esta doenza presentan síntomas como fatiga extrema, dificultade para respirar e disfuncións cognitivas, que impactan negativamente na súa vida diaria e saúde mental. Por iso, desde o BNG reclaman unha atención continuada, rápida e especializada.

O BNG denuncia o peche da unidade de Covid persistente en Ourense

A deputada criticou que “as explicacións da Xerencia, que falan dunha enfermeira de referencia e do mantemento de terapias grupais, non resolven as necesidades reais das persoas doentes”. Reclamou tamén “transparencia, coordinación e equipos profesionais que poidan ofrecer unha atención integral e sen esperas”.

Ante esta situación, o BNG rexistrou no Parlamento galego diversas iniciativas para que a Xunta garanta o mantemento desta atención especializada e consensúe calquera reorganización co persoal sanitario e os colectivos de doentes, priorizando a continuidade dos servizos e evitando recortes.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.