Noticias

Acto simbólico de apoio ao pobo palestino nos Peares

O BNG das comarcas de Lugo Sur e Ourense celebrou este martes un acto simbólico de solidariedade co pobo palestino.

No evento, que tivo lugar na ponte vella dos Peares, denuncióus o xenocidio contra Palestina e reivindicouse a paz e o dereito dos pobos a decidiren libremente o seu futuro.

Acto simbólico de apoio ao pobo palestino nos Peares

O acto consistiu no despregamento de bandeiras palestinas na antiga N-120, “un símbolo de unión entre ríos e comarcas que serviu de arteria de comunicación histórica para o pobo galego”, segundo Sarín Núñez, responsable comarcal do BNG en Ourense.

Núñez pediu “o cesamento do fogo e parar o xenocidio sobre o pobo palestino”, poñendo o foco na responsabilidade e complicidade internacional e reclamando “solidariedade activa fronte á inxustiza”.

Case un cento de persoas participaron no acto, entre elas representantes institucionais e cargos do BNG, como o deputado por Ourense Iago Tabarés, o deputado provincial Xosé Manuel Puga e portavoces locais de Monforte, Pantón, Bóveda, Taboada, Ribadavia e Coles.

Escollemos Os Peares precisamente por ser un punto de encontro, unha arteria e vía de comunicación histórica na que o río sempre foi unión. Iso é o que queremos construír: paz, unidade e solidariedade fronte á inxustiza e a barbarie”, explicou Núñez.

Durante a lectura da declaración, o BNG expresou a súa “condena rotunda e sen ambigüidades” á política de violencia e exterminio de Israel. Tamén denunciou o bombardeo sobre unha escola-refuxio que marcou o inicio dunha nova ofensiva sen precedentes. “A situación en Gaza é insostible. Máis de 16.000 crianzas foron asasinadas en 19 meses. Isto é un xenocidio e non se pode relativizar”, afirmou Núñez.

Acto simbólico de apoio ao pobo palestino nos Peares
Foto: BNG

O acto rematou cun chamamento á sociedade galega e á comunidade internacional a traballar por unha solución política, xusta e duradeira, baseada no respecto ao dereito internacional e na fin da ocupación. “A causa palestina non é só unha cuestión de dereitos humanos, que tamén o é. É unha loita pola liberdade, pola dignidade e pola existencia dun pobo que leva un século sufrindo opresión e expulsión”. O BNG comprometeuse a seguir apoiando a causa palestina desde todos os ámbitos.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.