Noticias

O BNG reivindica en Ourense o comercio local

O BNG presentou esta mañá, ante a Praza de Abastos provisional nº 1 de Ourense, a campaña “mellor local, mellor galego”, coa que pretende concienciar á veciñanza sobre a importancia do pequeno comercio e da compra de produtos galegos nestas datas.

A formación nacionalista fixo un chamamento directo a apoiar o comercio de proximidade fronte ao avance das grandes superficies.

O BNG reivindica en Ourense o comercio local

Na presentación participaron membros do Grupo municipal do BNG, o deputado no Parlamento galego Iago Tabares, cargos orgánicos e representantes das praceiras e praceiros.

O BNG reivindica en Ourense o comercio local
Foto: BNG

O voceiro municipal, Luís Seara, subliñou que “en Galiza contamos cun tecido produtivo único, froito da combinación de terra, mar e saber facer, que nos permite ofrecer produtos de calidade extraordinaria”. Ao tempo, criticou que “a política da Xunta continúa favorecendo ás grandes superficies mentres deixa cada vez máis desprotexidos ao sector primario, a industria de transformación e o comercio de proximidade”.

Seara insistiu en que apoiar o produto galego non é só unha decisión económica, senón tamén “cohesión social, equilibrio territorial e defensa do futuro produtivo” do país. Engadiu que un apoio decidido ao comercio local permite “xerar emprego digno, dinamizar a economía e garantir que a riqueza produtiva fique aquí”.

Publicaciones relacionadas

Desde o BNG defenderon “un marco comercial que protexa as pequenas tendas, garanta condicións xustas ás persoas autónomas e revitalice os mercados locais”. A formación aposta por unha Galiza “que produza, transforme e venda o seu”, sen depender das imposicións das grandes cadeas ou plataformas dixitais “que impoñen prezos e condicións”.

O voceiro nacionalista alertou do progresivo peche de establecementos, que considera unha ameaza para a vida económica e social dos concellos. “Garantir un comercio de proximidade con futuro pasa por mudar hábitos e apostar polo produto local. O comercio local non é pasado, é presente e futuro. Apostar polo noso comercio é apostar por Galiza”, afirmou.

A campaña inclúe propostas como unha nova Lei do Comercio Local, o impulso da produción ecolóxica, a revitalización dos mercados municipais, prezos xustos para os produtores, a regulación de horarios comerciais ou liñas de crédito específicas para o comercio de proximidade.

Os traballadores autónomos e a Praza de Abastos

Seara tamén destacou o papel dos traballadores autónomos, aos que cualificou como “peza esencial da economía galega”. O BNG reclama para eles cotizacións adaptadas aos ingresos reais, menos burocracia, máis protección social e apoio á dixitalización. “Apoiar o traballo autónomo é fortalecer a economía local e o futuro da Galiza”, dixo.

Sobre a elección da Praza de Abastos nº 1 como escenario da presentación, Seara asegurou que responde ao compromiso do BNG cun modelo de xestión co que se identifican plenamente. Reiterou a necesidade de que as praceiras e praceiros regresen ao edificio rehabilitado “en condicións óptimas”, para recuperar a Alameda para o conxunto da cidadanía. Criticou ao alcalde por bloquear o traslado: “Se non hai entendemento é porque o alcalde non quere. Pedímoslle que sexa claro: se quere mudar o modelo de xestión da Praza de Abastos, que o diga. Porque, senón, parece que para el as praceiras e praceiros sobran”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.