O pavillón municipal do Irixo acolleu o pasado sábado, 4 de outubro, a III Bullada de Outono, un evento organizado pola Banda de Gaitas e Danzas do Irixo que reuniu a numerosos veciños e amantes da música e do baile tradicional galego.
A xornada comezou ás 18:00 horas cun obradoiro de baile tradicional impartido por Ismael. No mesmo, os asistentes aprenderon pasos básicos e participaron nun baile colectivo.
O Irixo celebra con éxito a III Bullada de Outono
A partir das 19:00 horas deu comezo a bullada propiamente dita, coa actuación do grupo infantil da Banda de Gaitas do Irixo. A continuación actuaron os conxuntos convidados: A Xariza de Parada, A Carballeira, Pandereteiras de Zobra, Os Dezas de Moneixas, As Faíscas de Boborás, Os Trasnos de Doade e Os Caramuxos, un grupo xuvenil que destacou pola súa enerxía e técnica.

O evento pechouse coa actuación das cantareiras e da Banda de Gaitas de O Irixo. Estas interpretaron o “Esparán de O Incio”, peza coa que todos os grupos bailaron conxuntamente nun gran círculo. A festa continuou cunha foliada libre, na que os participantes foron subindo ao escenario para compartir música e baile.
Durante a bullada celebráronse tres sorteos con produtos achegados por patrocinadores e contouse con catro postos. Entre eles estaba o da propia banda organizadora, que vendeu rifas e artigos co obxectivo de recadar fondos para o evento. A Deputación de Ourense colaborou tamén coa actividade, que contou cun bar para o público e unha destacada afluencia de asistentes.

A organización salientou que o obxectivo principal é promover a cultura tradicional galega e dar visibilidade ao municipio do Irixo, consolidando esta cita como un referente cultural no calendario outonal da comarca.