Expourense vén de clausurar con éxito a sétima edición do Car Outlet Ourense, que se saldou con 112 vehículos vendidos e arredor de 3.000 visitantes durante os tres días que durou o evento.
Esta cifra supón un incremento de catro unidades respecto á edición de 2024, malia contar con 500 visitantes menos. As cifras evidencian unha maior efectividade nas vendas e unha intención de compra máis definida por parte do público asistente.
O Car Outlet Ourense supera as vendas de 2024 con menos visitantes
O salón, organizado por Expourense en colaboración coa Asociación de Concesionarios Oficiais de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), consolídase como unha cita de referencia para o sector do automóbil na provincia. Nesta edición participaron 15 concesionarios oficiais, que representaban 27 marcas e ofrecían ata 440 opcións de vehículos.
Os expositores salientaron o perfil decidido do comprador. Este chega ao recinto con coñecemento previo sobre o modelo de coche que busca e o orzamento que pode destinar. A organización agarda que nos próximos días se formalicen máis vendas derivadas dos contactos establecidos durante o evento, especialmente entre visitantes que acudiron para informarse ou quedaron indecisos.

O Car Outlet Ourense é a primeira das tres citas anuais que Expourense organiza xunto a ACAUTO. No mes de outubro chegarán as outras dúas: o Salón do Automóbil Novo (17 ao 19 de outubro) e o Salón do Automóbil de Ocasión (24 ao 26 de outubro), ambos celebrando a súa 16ª edición.
Próximos eventos en Expourense
A actividade feiral de Expourense continúa este martes 13 de maio coa terceira edición de Inspiro. Este encontro de emprendemento busca conectar o tecido produtivo co ámbito educativo, en colaboración coa empresa ourensá DixitalGou.
Do 22 ao 24 de maio será a quenda de Sportur Galicia, salón dedicado ao deporte e turismo activo, que se desdobra por primeira vez. En maio desenvolverase a parte práctica, con colexios e clubes como protagonistas, e en decembro (días 11 e 12) terá lugar a parte formativa co VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte.
O calendario do mes de maio complétase co XVIII Simposio sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética, que se celebrará o xoves 29. Xa en xuño, os días 2 e 3, Expourense acollerá a 11ª edición de Ourense Vinis Terrae. O salón dedicado ao viño e licores galegos de calidade porá fin á programación feiral do primeiro semestre.