O VII Car Outlet Ourense celebrarase en Expourense entre o 9 e o 11 de maio coa participación de 15 concesionarios da Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO).
Estes concesionarios representan 27 marcas, case a totalidade das que operan no mercado actual.
Expourense acolle 440 coches no VII Car Outlet
Esta nova edición volverá ofrecer as mellores oportunidades en vehículos de ocasión, kilómetro cero e segunda man, coa garantía dos concesionarios oficiais.
O evento foi presentado esta mañá en Expourense nun acto institucional no que participaron:
- Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense;
- Rosendo Fernández, deputado provincial;
- Rogelio Martínez, director xerente de Expourense, e
- César Fernández Mosquera, vicepresidente de ACAUTO.
A presentación estivo marcada pola emotiva lembranza ao recentemente falecido presidente de ACAUTO, Ramón Seijas Pérez. Os asistentes rendéronlle homenaxe polo seu labor como impulsor do Car Outlet dende a súa primeira edición en 2016.

O salón reunirá 440 vehículos con ofertas moi especiais para todos os perfís de compradores, desde coches de xerencia ata seminovos e segunda man, coa posibilidade de entrega inmediata. A idade media máis demandada oscila entre os 3 e 7 anos, un segmento que estará amplamente representado. Ademais, os visitantes poderán comparar modelos e condicións no mesmo recinto, facilitando así a decisión de compra.
O mercado do automóbil en Galicia
A situación actual do mercado favorece este tipo de salóns. En Galicia véndense dous coches de ocasión por cada un novo, o que xera unha demanda crecente e unha oferta máis limitada. Esta cita convértese tamén nunha oportunidade para rexuvenecer o parque automobilístico galego, un dos máis antigos de España, cunha media de 16,9 anos na provincia de Ourense.
Desde ACAUTO lembran as vantaxes de comprar a profesionais: garantía mínima dun ano por lei, que moitas veces se amplía a dous ou máis, xestión de documentación incluída e condicións semellantes ás dos vehículos novos grazas á profesionalización do sector.
O salón estará aberto o venres 9 de maio de 11:00 a 20:30 h, o sábado 10 de 10:00 a 20:30 h, e o domingo 11 de 11:00 a 20:00 h. A entrada custa 3 euros e será gratuíta para menores de 12 anos. Haberá servizo de ludoteca de balde desde o venres pola tarde.
Marcas participantes:
Audi, BMW, BYD, Citroën, Cupra, Dacia, Ebro, Fiat, Ford, Hyundai, Jaecoo, Jeep, Kia, Leapmotor, Mazda, Mercedes, MG, Nissan, Omoda, Opel, Peugeot, Renault, Seat, Skoda, Toyota, Volvo e Volkswagen.