O VII Car Outlet Ourense, previsto inicialmente para esta fin de semana, posponse e celebrarase finalmente entre o 9 e o 11 de maio en Expourense.
As entidades organizadoras do evento, Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), tomaron esta decisión logo do repentino falecemento de Ramón Seijas Pérez, presidente de ACAUTO e figura clave no impulso deste salón.
O Car Outlet Ourense trasládase a maio por loito en ACAUTO
Ramón Seijas foi un dos grandes promotores tanto do Car Outlet como dos Salóns do Automóbil —de Vehículo Novo e de Ocasión— que se celebran anualmente en Ourense nos meses de outubro ou novembro.
A nova edición do Car Outlet contará coa participación de 15 concesionarios da provincia agrupados en ACAUTO, que porán á venda vehículos de 27 marcas diferentes. Esta cita volverá ser unha oportunidade para adquirir coches de ocasión e segunda man con todas as garantías que ofrecen os concesionarios oficiais.

O salón abrirá as súas portas o venres 9 de maio de 11:00 a 20:30 horas; o sábado 10, de 10:00 a 20:30; e o domingo 11, de 11:00 a 20:00. A entrada terá un prezo de 3 euros, agás para menores de 12 anos, que poderán acceder de balde. Tamén estará dispoñible un servizo de ludoteca gratuíto para facilitar a visita das familias.