A Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe – Vía da Prata de Ourense renderá homenaxe este xoves 30 de outubro a don Eligio Rivas Quintas, no centenario do seu nacemento.
O acto, que terá lugar ás 20:00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, inclúe unha conferencia a cargo de don Francisco Fariñas e don José Antonio Quintas, quen afondarán na figura e legado do destacado etnógrafo e investigador ourensán.
Ourense homenaxea a Eligio Rivas no centenario do seu nacemento
Con esta iniciativa, os membros da asociación —da que foi presidente de honra— queren recoñecer a traxectoria dun home irrepetible. Valedor incansable do Camiño Mozárabe, foi colaborador activo da entidade ata os seus últimos días.

Rivas Quintas contribuíu de maneira decisiva á recuperación, sinalización e promoción desta ruta xacobea. Deixou un legado de inestimable valor a través dos seus artigos e estudos publicados na revista da asociación.
Unha vida dedicada á cultura e á investigación
Nado en Xunqueira de Ambía, Eligio Rivas foi relixioso Paúl, filólogo, etnógrafo e un dos grandes estudosos do Camiño de Santiago. Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, obtivo o premio extraordinario de licenciatura e doutoramento. Compaxinou a docencia con un intenso labor investigador e de campo, plasmado en máis de trinta obras sobre toponimia, etnografía e cultura popular galega.
Ao longo da súa carreira, foi membro fundador e primeiro presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS). Tamén foi membro da Comisión de Toponimia e Heráldica da Xunta de Galicia e colaborador habitual en publicacións culturais e científicas. As súas investigacións sobre o léxico rural e a recuperación da Vía da Prata fixérono merecedor de importantes distincións, como o título de fillo predilecto de Xunqueira de Ambía (2018) e a Medalla de Ouro da Deputación de Ourense (2019).
A súa obra inclúe títulos de referencia como Camino Meridional, extensión de la Vía de la Plata, Historia alrededor del Camino Meridional de Santiago en Galicia ou Cancionero del Apóstol Santiago, entre outros. O acto deste xoves servirá, ademais, para lembrar a un humanista e investigador que dedicou a súa vida a preservar e difundir o patrimonio cultural galego.
Acto: Conferencia polo centenario de don Eligio Rivas Quintas.
Data: Xoves, 30 de outubro de 2025.
Hora: 20:00 h
Lugar: Centro Cultural Marcos Valcárcel (Rúa do Progreso, 30 – Ourense)