Noticias

Comunicado do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)

Comunicado do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL). Xinzo de Limia, 30 de agosto de 2023.

O día 2 de setembro de 2022, o conselleiro de Medio Rural, José González, anunciou durante a inauguración de Alimagro en Xinzo de Limia, que o goberno galego presentará o PEL, o Plan Estratéxico da Limia, durante aquel mes.

Pasou un ano e do PEL nada soubemos nada. Pasou un ano e o conselleiro virá a Xinzo inaugurar Alimagro, e fará máis promesas.

A triste realidade é que os habitantes da Limia teñen que mercar auga embotellada porque maioría dos pozos da chaira da Limia están contaminados por nitratos e bacterias procedentes das explotacións agrogandeiras que non xestionan adecuadamente os residuos que producen.

As probas visible destas afirmacións témolas, ademais das analíticas oficiais, na canle da Lagoa e no río Limia que están a funcionar como autenticas depuradoras biolóxicas, contribuíndo a minorar o grave problema de contaminación que padece o encoro das Conchas.

O Limia é o río do Esquecemento, nunca mellor dito. O Limia ficou esquecido por completo polo señor conselleiro, polo presidente da Confederación Hidrográfica, polos alcaldes e, o mais triste, polos propios habitantes da comarca que calan e aceptan como algo inevitable a lamentable imaxe do noso río moribundo.

Aspecto do Río Limia ó seu paso por Xinzo de Limia

Comunicado do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)

O maior tesouro que temos na Limia de cara un futuro climático incerto e o grandioso acuífero que temos baixo os nosos pés. O intelixente sería impedir que se degradade máis.

E se do PEL nada sabemos, tampouco se sabe nada das medidas que debería estar tomando o goberno galego para declarar A Limia como zonade augas vulnerables pola contaminación.

E se do PEL fai un ano, destoutro fai ano e medio, cando o MITECO incluíu a comarca no mapa de augas vulnerables e empezou a correr o prazo (de 3 anos) para que a Xunta elabore a declaración e tome as medidas necesarias para limitar a contaminación.

Por todo isto, na véspera da inauguración de Alimagro, por se aparece o conselleiro, desde o MOVEMENTO ECOLOXISTA DA LIMIA queremos advertir unha vez máis (1º) que nada se fixo neste ano a respecto da contaminación das augas da Limia e do río, (2º) que os problemas que producen esa contaminación seguen sen se resolver, e (3º) que nada sabemos nin do plan estratéxico nin da declaración de zona vulnerable.

E por si interpelamos ao señor José González a través dos medios de comunicación:

  • Onde está o PEL? En que consiste e cando se vai poñer en marcha?
  • Que traballo fixo a Xunta a respecto da declaración de zona vulnerable, que é unha esixencia de Bruxelas?
  • Onde está a planta de tratamento que se acordou na Mesa da Limia?

  O MEL considera que as veciñas e veciños da Limia, os agricultores e os gandeiros, e os representantes políticos que de verdade se implicaron na Mesa da Limia e as alcaldesas e alcaldes desta comarca, por obriga dos seus cargos, deberían trasladarlle ao señor conselleiro estas mesmas preguntas e a inquedanza que provoca a falta de respostas.

Botón volver arriba