O Concello de Ourense decidiu non asistir ao acto de inauguración do segundo tramo da senda peonil do Barbaña e da nova pasarela sobre o río, organizado pola Xunta de Galicia.
Esta decisión é unha protesta pola falta de resposta do Goberno autonómico ás advertencias municipais sobre problemas de seguridade e salubridade.
O Concello de Ourense planta á Xunta pola senda do Barbaña
Segundo o goberno local, o Executivo galego ignorou reiteradas peticións para corrixir deficiencias detectadas baixo a nova pasarela. En concreto, o Concello solicitou hai meses a colocación dunha malla metálica que impida o acceso a ese espazo e evite que se converta nun foco de insalubridade ou nun risco para a cidadanía.

Ao non atenderse esta demanda, o Concello considera unha irresponsabilidade participar na posta en funcionamento dunha infraestrutura que cualifica de defectuosa desde a súa orixe.
Críticas á política de infraestruturas da Xunta
A ausencia institucional interprétase tamén como unha denuncia pública da estratexia da Xunta en Ourense, definida polo goberno municipal como de “pouca ambición e menos investimento”. Desde o Concello aseguran que a administración autonómica impón actuacións que carecen de demanda social, ao priorizar sendas con escaso tránsito mentres se deixan sen atender necesidades reais de mobilidade.
O executivo local critica, ademais, que moitos proxectos se executen sen consenso, con información mínima ao Concello e sen posibilidade de introducir melloras ou alternativas, como —sinalan— ocorreu na Avenida das Caldas. A isto súmanse, segundo indican, acabados deficientes noutras actuacións, como a reforma do Pavillón dos Remedios, que presenta carencias pouco despois da súa finalización, así como mantementos que non se realizan en tempo e forma.
Agravio comparativo con outras cidades
O goberno municipal denuncia tamén un agravio comparativo histórico no investimento autonómico. Mentres no Estadio do Couto o investimento rolda os 2,5 millóns de euros, aseguran que noutras cidades galegas a Xunta destina partidas multimillonarias a grandes infraestruturas culturais.
Como exemplos dunha política que cualifican de “low cost”, citan a intervención na Avenida de Marcelo Macías ou o proxecto da Avenida Otero Pedrayo, onde a Xunta optou por unha solución superficial fronte á demanda unánime de soterramento. Tamén critican a redución de carrís na conexión da N-525 coa Avenida de Zamora, que consideran insuficiente e prexudicial para o futuro desenvolvemento urbanístico da zona.
“Non podemos ser cómplices dunha política de parches e fotos oficiais mentres Ourense recibe as migallas do investimento autonómico con proxectos que ninguén pediu e que, para colmo, están mal executados”, conclúen fontes municipais.

