O Concello de Barbadás convida as familias a gozar da maxia da narración oral coa programación especial “Contadas no parque”.
Esta actividade desenvolveráse todos os xoves de maio no Parque da Casa da Cultura.
Contacontos ao aire libre no Parque da Casa da Cultura
O ciclo “Contadas no parque” encherá Barbadás de historias durante o mes de maio. A actividade, pensada para o público infantil, ofrece sesións de contacontos a cargo de recoñecidas voces do panorama galego. Esta proposta supón unha aposta clara pola animación á lectura desde as primeiras idades.
O programa comeza o xoves 8 ás 18:30 h coa narradora Carmen Domech, que presentará “O Grúfalo”, un clásico contemporáneo dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos. A seguinte cita será o día 15 coa compañía Sarabela Teatro e a súa posta en escena de “O lapis de Martín”, pensada para crianzas de entre 5 e 9 anos.
O día 22, Avelino González traerá “Paxariños”, unha proposta para maiores de 6 anos que mestura humor e reflexión, mentres que o ciclo pechará o 29 de maio coa narradora Charo Pita e o seu espectáculo “A corpo contado”, que tamén se dirixe ao público de 5 a 9 anos.

Todas as sesións celebraranse ás 18:30 h no parque anexo á Casa da Cultura e contan con prazas limitadas. As inscricións poden realizarse a través do correo electrónico da biblioteca municipal.