As procesións do Domingo de Ramos obrigarán a cortar o tráfico en varias rúas do centro de Ourense e dos barrios da Ponte e da Carballeira este domingo, 13 de abril.
As restricións afectarán a vías principais e provocarán desvíos puntuais durante a mañá.
Cortes de tráfico en Ourense polo Domingo de Ramos
No centro da cidade, a procesión comezará ás 10.30 horas e motivará o peche das rúas Curros Enríquez (Subdelegación do Goberno), Paseo, Lamas Carvajal, Praza de Santa Eufemia e Xoán de Austria, con entrada á catedral pola rúa Lepanto. Os condutores que circulen polas rúas Concello e Xoán XXIII terán que desviarse cara á Avenida da Habana. Pola súa banda, os vehículos que transiten por esta última non poderán acceder a Xoán XXIII e deberán continuar en sentido descendente.
Na Ponte, ás 11.30 horas pecharanse á circulación a Avenida das Caldas, Vicente Risco, Francisca Herrera e Avenida de Santiago. O tráfico procedente da rúa Gómez Franqueira desviarase pola Avenida de Marín. Os vehículos que veñan das rúas do Ribeiriño e Ribeira de Canedo terán que circular pola rúa Mercado.
Tamén haberá restricións na rúa Basilio Álvarez, no treito comprendido entre a Ponte do Milenio e o Parque da Ponte. Neste punto, o tráfico desviarase cara a Xesús Pousa, Basilio Álvarez (sentido Vigo) ou a propia Ponte do Milenio. Ademais, na rúa Vicente Risco, o tráfico procedente da Ponte Nova e da Avenida de Marín será redirixido cara á estación intermodal pola avenida homónima.

Na Carballeira, a procesión da parroquia do Sagrado Corazón comezará arredor das 11.15 horas. Este acto afectará á Praza da Lexión, rúa Castelo Ramiro e Praza do Sagrado Corazón. O tráfico procedente de Cabeza de Vaca será detido temporalmente para permitir o paso da comitiva.
Por último, os condutores que accedan desde a rúa Fernández Alonso e pretendan chegar a Nicomedes Pastor Díaz deberán circular por Martínez Sueiro.