A artista ourensá Cristina Pato recibiu esta tarde o XIX Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, un recoñecemento que lle concede o Concello de Ourense pola súa traxectoria profesional e o seu compromiso coa igualdade.
O acto de entrega celebrouse na Sala Valente coa presenza do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, da concelleira de Igualdade, Noa Rouco, da propia galardoada e da súa irmá, Raquel Pato.
Ourense recoñece a Cristina Pato co Premio Clara Campoamor
O xurado, que se reuniu o pasado 26 de febreiro, decidiu por unanimidade concederlle o premio á artista, definida como unha “muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio”.
Cristina Pato é música, escritora, educadora e produtora. Comezou a súa formación no Conservatorio Municipal de Música de Ourense e, con tan só 6 anos, ingresou na Real Banda de Gaitas. Aos 18 publicou Tolemia, converténdose na primeira muller en España en lanzar un disco en solitario como gaiteira. A súa traxectoria internacional está avalada por numerosos recoñecementos, entre os que destaca un Grammy en 2017 coa banda Silk Road Ensemble e a Medalla Castelao ese mesmo ano.

A acta do xurado tamén salientou a súa labor como educadora, impulsando a integración das artes coas ciencias en diversas institucións académicas a nivel mundial. Ademais, en 2022 publicou a súa primeira novela, No día do seu enterro, coa Editorial Galaxia.
O xurado estivo presidido por Noa Rouco e contou coa participación de representantes do ámbito social e institucional ourensán, como Stella Estrada (ValoReSC innovation), Milagros Sierra (Federación Limiar), Marisol Nóvoa (Confederación Empresarial de Ourense) e Elena Cid, funcionaria da Concellería de Igualdade.