Entrevistas

Cristina Pato, paixón e talento

Só é preciso intercambiar unhas palabras con Cristina Pato para darse conta da paixón e o talento que hai detrás de cada acción que desenvolve. Pura enerxía que agocha a unha muller de gran sensibilidade.

Cristina Pato, paixón e talento
Cristina Pato, paixón e talento (foto: @XanPadron)

É difícil destacar unha parte do curriculum dunha persoa que destaca en tantas facetas. Unha pianista excepcional, educadora de éxito e recoñecida escritora sen deixar de ser aquela alegre gaiteira que tiña (e ten) o pelo verde. As Universidades nas que traballa e os artistas cós que colabora son unha boa testemuña do nivel intelectual e cultural desta muller de Ourense.

Entrevista con Cristina Pato

Ourense na rede falou con Cristina para descubrir o camiño que percorreu ata os nosos días, a labor que realiza e os proxectos que ten en mente. Información sobre a traxectoria de Cristina Pato cunha visión global e persoal do mundo e a sociedade na que vivimos.

Cristina Pato, paixón e talento

En 1999 rompes moldes e convérteste nun fenómeno musical tocando a gaita, que supuxo e que che aportou aquela época.

É complexo mirar atrás sen ter a perspectiva de hoxe. Era un momento concreto da miña vida, estaba a traballar con outros grupos en Ourense e “Tolemia”, o meu primeiro disco, foi unha sorpresa. Cambioume a vida e fíxome pensar qué estaba facendo e por qué o estaba facendo. Algo que me enchía naquel momento converteuse na miña profesión.

Ata finais dos anos 90, ese tipo de vida pública no mundo da gaita non era tan común. Ese camiño que comezaron Carlos Núñez, Hevia, Susana Seivane… foi algo que eu aprendín polo camiño.

Non sei si a Cristina de 18 anos tería a mesma perspectiva que a Cristina de 40. Hoxe en día cuestiono moitas das cousas daquel momento da miña vida pero tiña 18 anos e estaba a facer o que naquel momento me apetecía. Aprendín a asumir a responsabilidade do que significaba ter unha vida pública e cós anos fun aprendendo a reencamiñar o que son as miñas profesións.

A Cristina Pato gaiteira era unha explosión de enerxía, ¿é un selo de identidade?

Si, creo que a paixón e a enerxía desbordante é o que define o meu xeito de ser e de traballar nos campos nos que traballo. Creo que forma unha parte esencial do que definiu a miña carreira e a min como persoa. Ben e certo que a enerxía dos 18 anos é moi diferente á enerxía de hoxe. Aínda que segue estando aí esa forza, foi mudando. Hoxe esa enerxía pálpase de xeito diferente.

A pesar da túa extensa e importante traxectoria, en Ourense segues sendo aquela gaiteira, ¿prodúceche tenrura o gustaríache que a xente coñecese máis o que estás facendo?

Naquel momento estaba constantemente nos medios, é normal que o que lembran de min sexa aquela Cristina. Cos anos funme apartando daquel estilo de vida no que estaba tan exposta para atoparme a min mesma. Unha das razóns que me animaron a marchar ós Estados Unidos a facer o doutoramento foi verme nese rol para o resto da miña vida e pensaba que tiña outros sonos e ganas de sacalos adiante. Tiña ganas de probar e sacar ás outras Cristinas. Que non transcenda a miña outra vida en Ourense é normal. Non desenrolo a miña carreira en Ourense pois a vida académica é en Estados Unidos.

O máis bonito destes anos e ver como agora me paran para falarme das miñas columnas para La Voz de Galicia. É unha experiencia realmente reconfortante por que quizais ese cambio de vida que fixen nos últimos anos, cara dentro, cun proceso artístico máis meditado e que me deixara tempo para poder dicir e decidir o que quería facer. As columnas son unha reflexión deste momento da miña vida. É especial ver que esa parte de min si que transcende.

¿Poderíamos dicir que a gaita está abrindo mercado en América gracias a ti?

Non creo que sexa gracias a min, en absoluto. Creo que cada un de nos, os músicos galegos que estamos remando nos nosos pequenos minifundios abrimos portiñas pequeniñas que se as xuntas, entre todas, fan unha porta máis grande.

O meu caso é peculiar por que o meu xeito de entender o instrumento tamén é peculiar. Para min é un camiño que fun camiñando como puiden e como souben e nese camiño fóronse abrindo portas. En xeral, é un traballo de fondo no que estamos todos e todos temos a mesma responsabilidade. Os gaiteiros que fan unha música máis tradicional e os que están a fusionar o hip-hop coa gaita.

O máis bonito para min é colocar o nome de Galicia no mapa. Eu fun moi afortunada pola xente que me fun atopando polo camiño pois foron eles os que me abriron as portas do seu mundo e o seu público como Yo-Yo Ma.

Cristina Pato nos Estados Unidos

En Estados Unidos tes a oportunidade de traballar con Yo-Yo Ma, ¿é de esas experiencias que deixan marca?

Cambioume a vida radicalmente. Cando saquei “tolemia”, a gaiteira e a pianista que naquel momento facía superior no conservatorio do Liceo en Barcelona nada tiñan que ver a pesar de ser a mesma persoa. Entendía a gaita dun xeito diferente ó que entendía o piano. Representaban dous xeitos completamente diferentes de entender o rol da música na sociedade.

Coñecer a Yo-Yo Ma no ano 2006 axudoume a ver esa división que me creara eu mesma e que representaba moitas das divisións visibles e invisibles que hai no mundo da música e da cultura en xeral, o que representa o folclore e a música clásica.

Yo-Yo Ma creou a organización “Silk Road Project” hai 20 anos e cando a coñecín, atopeime con músicos de todo o mundo coas mesmas preguntas e as mesmas dúbidas que tiña eu. Cal é o rol da música na sociedade é algo que me cambiou moito a nivel persoal e tamén artístico. Yo-Yo Ma mostrounos que hai algo no medio entre a música popular e a música clásica e que desa intersección entre as dúas linguaxes nacen conversas que son importantes e esenciais.

Cristina Pato, paixón e talento
Cristina Pato, paixón e talento (foto: @XanPadron)

No ano 2013, ía de pianista con el para unha xira de conferencias e falou dun concepto de ecoloxía que se chama o “efecto de borde”, punto no que dous ecosistemas se xuntan. Precisamente nesa intersección é onde máis novas formas de vida son creadas. Era o xeito que tiña a natureza de ser creativa. Silk Road era a réplica no mundo da música, un espazo de mestura para poder crear e sacar proxectos adiante.

Unha das frases que define Silk Road Project é “O talento é unha responsabilidade”, ese proxecto ¿ten continuidade na sociedade?

Quizais o mais fermoso de Silk Road é que o que se ve no escenario debería ser simplemente a punta do iceberg. Todo o que está debaixo da auga deberían ser eses valores nos que cada un decide soster a súa vida nos escenarios. O impacto social e a parte educativa do proxecto intenta por en valor todas esas cuestións humanísticas que Yo-Yo Ma nos foi mostrando.

Escritora, labor pedagóxica, Chicago Symphony, New York Philharmonic, Universidades de New York, Harvard, California ¿onde está o teu teito?

Quizais a diferencia desta Cristina coa dos 18 anos era que aquela tiña unha serie de metas. Hoxe en día voume asombrando coas oportunidades que me da a vida. O feito de escribir cada venres no periódico é algo que nunca pensei que chegaría a facer. Non é unha cuestión de capacidade si non de ter a oportunidade e unha vez que asumes esa oportunidade comezas a soñar con outras cousas. Agora mesmo estou coa miña primeira novela, algo que non me imaxinaría fai 20 anos. Nos últimos anos aprendín a deixar fluír esas cousas que me apaixonan. Especialmente nas artes, non hai nada peor que facer algo que non queres facer.

Os camiños de Cristina Pato

Creaches unha obra en 2011 na que tocas o tema da perda de memoria. Falar da demencia con naturalidade ¿axuda a entender e respectar esta enfermidade?

No meu caso, miña nai é a que sufriu unha demencia frontotemporal que comezou no ano 2011. A min, persoalmente, axudoume a aceptar a enfermidade o normalizala o máximo posible. Hai cousas da miña nai que desapareceron pero durante ese proceso de aceptala enfermidade axudoume moito como filla saber entender que esta persoa, que é miña nai, que é diferente a quen me criou, segue a ser a mesma persoa.

Miña nai, como tantas outras da súa xeración, son destas mulleres sabias que a pesar do deterioro cognitivo da enfermidade era capaz de sacar adiante moitas verdades da súa vida.

Naquel momento, no ano 2011, axudoume comezar a escribir tódolos días un blog onde ía transcribindo conversas que tiña con miña nai. Unha vez que escribín o blog decateime que me axudara a min a entenderme e aceptarme a través da miña relación coa miña nai.

Silk Road, que está asociada á Universidade de Harvard, sacou no 2011 unha proposta para escribir unha obra relacionada coa temática dos ríos. Utilizando a temática do río do esquecemento, o río Limia, decidín que ese podería ser ese punto positivo ó que aferrarme a hora de seguir aprendendo do mundo das demencias. Hai vida ó outro lado do Río do Esquecemento, simplemente é unha vida diferente e a nivel persoal. No momento que aceptei a enfermidade, axudoume entender que canto máis normal o fagamos, canto máis aprendamos da enfermidade, máis capaces seremos de axudarnos como sociedade a ter un pouco máis de empatía ante aqueles que aínda consideran esta enfermidade un tabú.

Escritora, música e educadora… ¿distintos canles para comunicar unha mensaxe?

Non o sei, é bonito que me fagas esa pregunta por que é algo que aínda que forma unha parte moi importante da miña vida, a comunicación, nunca me vin como comunicadora. Nunca vin esa parte de min como unha profesión si non como unha ferramenta.

Cristina Pato, paixón e talento
Cristina Pato, paixón e talento

Cal é o teu segredo para destacar en todo o que fas?

Non sei si destacar é algo bo, quizais este ano de pandemia e xente recuperando cousas de outros anos, fíxome reflexionar moito sobre o que significa destacar. Quizais o máis complexo de todo isto á hora de ir facendo cousas é que todos ó longo da nosa vida facemos cousas ben e cousas mal. Queremos que transcendan as cousas boas pero non sempre é así. No meu caso, nos últimos anos, podo ter o luxo de ter algo máis de tempo para reflexionar e para sacar os proxectos doutro xeito.

Hai algo fermoso na frescura dos 18 anos de sacar un disco por que si e facer a música que che da a gana naquel momento sen responder a ninguén de por que a fas. Hoxe en día están os medos e o cuestionarse a unha mesma e quizais no medio nos atoparíamos cómodos todos. Seguir o pulso da paixón e ademais ter o luxo de reflexionar e sacar o proxecto adiante.

A pesar da túa intensa labor internacional segues mantendo o vínculo con Ourense, ¿morriña ou é unha forma de ter os pes no chan?

Eu non marchei para marchar, é algo que teño moi presente. Marchei para facer un doutoramento e escapar un pouco daquela Cristina que se estaba comendo ás outras e comezar de novo. No momento que rematei o doutoramento decidín quedar un ano máis, e outro, e así levo 17 anos.

Realmente creo que nunca me fun e nunca deixei de estar en ningún dos dous lados. Entendo a miña vida entremedias. Non sei si é unha cuestión de morriña ou de supervivencia emocional poder estar nos dous sitios á vez por que nunca decidín irme.

Di Minimalia que “en España temos de todo pero non se valora case nada”, ¿que teríamos que copiar de Estados Unidos?

Son circunstancias diferentes, realidades sociais e culturais diferentes e estar no medio axúdame a ter perspectiva para ver que é o mellor e o peor dos dous lados. Quizais a nivel cultural unha das cousas nas que teño reflexionado moito é con respecto a quen é o que sostén a cultura.

O modelo americano baseado na industria cultural e a filantropía e o modelo europeo que sería unha mestura que depende moito das institucións públicas. No medio sería onde realmente a cultura podería ser sostible con respecto a sociedade.

¿Que proxectos tes para 2021 e cales poderemos ver en Ourense?

En Ourense espero que si pero non sei en calidade de que. Seguirei sacando proxectos adiante, uns máis visibles e outros menos. Aínda me estou adaptando a tódolos cambios pois hai moitos proxectos que non saíron adiante, outros que se adiaron, etc.. estoume adaptando a esta nova forma de vida na que viaxar xa non é unha constante. Sigo dando clases e sacando os meus proxectos na universidade.

En Ourense teño ganas de traballar no campo da divulgación e a comunicación. Unha das cousas que mais aprendemos este ano é que o edadismo, a discriminación por idade, está moito máis presente na nosa sociedade do que moitos de nos quixéramos aceptar.

Deberíamos reflexionar e entender cal é o rol dese sector da sociedade nunha provincia como Ourense que é unha das máis envellecidas de España. Teño ganas de facer un pequeno proxecto para revalorizar cal é o papel dos maiores na nosa sociedade. Canto do que nós temos llo debemos a eles e non nos pediron nunca nada a cambio.

Cristina Pato, paixón e talento de Ourense (fotos: Xan Padrón)

Entrevista realizada o martes 12 de xaneiro de 2021.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba