Noticias

Babío critica o control estatal sobre Meirás e reclama memoria real

O presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), Carlos Babío, advertiu onte en Celanova de que a batalla polo Pazo de Meirás aínda demanda compromiso e mobilización social, tanto no ámbito xudicial como no do relato histórico.

Babío lembrou que Meirás é do Estado só de forma provisional, á espera da sentenza do Tribunal Supremo. Este deberá determinar a propiedade definitiva e decidir se a familia Franco ten dereito ou non a unha indemnización.

Babío critica o control estatal sobre Meirás e reclama memoria real

“Meirás, morto Franco, seguiu sendo un espazo de impunidade franquista até hai pouco; e o Estado só moveu ficha pola mobilización social e pola investigación impulsadas desde o movemento memorialista”, asegurou durante a apertura das Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición Española.

Babío critica o control estatal sobre Meirás e reclama memoria real
Foto: Comité Memoria Histórica de Celanova

O investigador insistiu en que foi a presión cidadá quen logrou que o Estado asumise Meirás como lugar de memoria. Advertiu contra “o relato falso que se pretende impor desde o Estado”. Babío, autor do ensaio Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, lembrou que o seu traballo foi clave no proceso que obrigou os Franco a entregar as chaves a finais de 2020.

Porén, criticou que a memoria non entrou en Meirás desde aquela. Acusa a Secretaría de Estado de Memoria Democrática de controlar os usos do espazo e de excluír á CRMH, malia ser quen liderou dúas décadas de mobilización. O último desacordo chegou a comezos de setembro, cando o Goberno deu por caducado o expediente da CRMH para declarar Meirás lugar de memoria. Acto seguido, anunciou a tramitación de oficio deste recoñecemento.

Rubén Centeno, investigador da CRMH

Na xornada participou tamén Ruben Centeno, investigador da CRMH. Centeno expuxo o seu traballo sobre os presos e presas do cárcere da Coruña desde o golpe de Estado ata a Transición. Destacou represións sociais pouco coñecidas, como a exercida contra persoas homosexuais ou pobres, e explicou que máis de 10.000 persoas pasaron por aquel centro penitenciario. “Imos expediente a expediente, e estamos a documentar represións que, a partir dos anos sesenta, teñen unha forte compoñente política ligada á oposición antifranquista”, apuntou.

Centeno alertou ademais do estado de deterioro do edificio, preto da ruína. Lembrou que a CRMH solicitou tamén para el a declaración de lugar de memoria, co obxectivo de evitalo caer no esquecemento.

Ambos investigadores coincidiron en que “negar ás vítimas a recuperación e a participación no futuro destes espazos supón unha nova revitimización, un silencio sobre o silencio”. A CRMH traballa agora na busca das familias das 250 vítimas soterradas en Santo Amaro e das vítimas do cárcere coruñés, co fin de impulsar accións legais a través da Fiscalía de Memoria Democrática ou da Querela Arxentina por crimes de lesa humanidade.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.