O Concello de Barbadás, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, asinaron este luns un convenio de colaboración para achegar á veciñanza a exposición «Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel».
O acto contou coa presenza de Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.
Barbadás acollerá a mostra «Destino» de Manuel Valcárcel
A mostra inaugurarase o vindeiro 24 de abril e poderá visitarse ata o 25 de maio na Sala de Exposicións da Casa da Cultura Manuel María de Barbadás. O horario de apertura será de luns a venres, de 8.30 a 14.30 h e de 16.00 a 20.00 h.
«Destino» forma parte do programa «Corrente cultural», unha iniciativa coa que Afundación promove a difusión cultural máis aló das súas sedes habituais.
A exposición propón unha viaxe física e espiritual a través da obra do fotógrafo galego Manuel Valcárcel. O autor plasma en imaxes catro peregrinacións realizadas en O Tíbet, Senegal, México e Galicia. As súas fotografías documentais, cargadas de emoción, cor e humanidade, abordan temas universais como a familia, a emigración, o envellecemento, a sostibilidade e o fogar.

Desde unha terra de emigrantes e peregrinos, a mostra convida á reflexión sobre a identidade e os valores que nos definen como persoas. Valcárcel utiliza a viaxe como metáfora da procura interior e como fío condutor dun relato visual que une diferentes culturas a través dun destino común.