Publicamos a continuación unha entrevista co candidato de Agora Ourense, Toño Naval, no que coñeceremos un pouco mellor a súa proposta.
Toño Naval é o candidato á alcaldía de Ourense liderando á plataforma Agora Ourense, formación resultante do acordo acadado entre seis formacións políticas.
Podemos Ourense, Ourense Mellor, Esquerda Unida, Verdes Equo, Alianza Verde e Recortes Cero chegan xuntas á convocatoria electoral para por remedio á división que se produciu nas eleccións de 2019.
Entrevista co candidato Toño Naval
A través desta entrevista, o candidato de Agora Ourense mostra as liñas fundamentais dunha plataforma que traballa durante a campaña para facer chegar a súa mensaxe á cidadanía.
Que debe coñecer a cidadanía sobre Toño Naval e a candidatura que o acompaña nesta cita electoral?
Toño é un home de 57 anos, casado e con dous fillos que leva traballando dende sempre no sector privado, e que despois da pandemia decidiu dar un xiro na súa vida, tanto no ámbito laboral como no social, para adicarse a traballar para a cidadanía de Ourense, no sector sanitario e sociosanitario, e tamén no político para tratar de mudar a cidade.
A candidatura que estamos a presentar nestes comicios, nace froito das inquedanzas de moitas persoas e organizacións, que despois de ver a situación de caos que se ven dando por parte dos representantes do noso Concello antepuxeron os intereses dos ourensáns e ourensás aos das organizacións que se presentan.
Que se xoga Ourense o 28 de maio? Nesta campaña, fálase máis de polémicas e posibles delitos que de propostas?
Por desgraza, é normal que aconteza iso. Dunha banda, todo o mandato estivo marcado pola polémica dende o primeiro día, cando o pacto da vergoña entre Jácome e Baltar fixo posible un intercambio de cadeiras que nada tiña que ver co votado pola veciñanza nas urnas e se engadimos o desvelado nos audios que saíron publicados nas últimas semanas, era de esperar unha campaña chea de lama. Por outro lado, como vai falar Jácome de propostas? A súa única proposta é pan e circo (máis circo que pan), o populismo máis cutre xamais visto. E como van falar de propostas dous candidatos que gobernaron hai décadas cos resultados coñecidos? Jácome é o continuador das políticas corruptas que denunciaba, e PP e máis PSOE presentan proxectos de pasado, non de futuro, proxectos esgotados.
Cal é o modelo de cidade de Toño Naval?
- Unha cidade culta e solidaria, onde o eixo sexa a xustiza social.
- Unha cidade moderna, feminista e sustentábel.
- Unha cidade que ofreza alternativas á mocidade, que saiba escoitalos e facilitar que se expresen.
- Unha cidade que respecte aos seus maiores.
- Unha cidade que invista máis en políticas sociais que en orquestras ou luces de nadal.
- Unha cidade na que os barrios teñan voz e voto para decidir que se invistan orzamentos nas súas necesidades.
- Unha cidade amable, orgullosa e da que se fale en positivo.
Non ter experiencia en política, é un valor engadido ou unha traba?
Xa levo un tempo militando en Podemos, e agora tocou dar un paso ao fronte e visibilizarme como cabeza de lista co consenso das forzas que forman a coalición Agora Ourense. O valor engadido ven da man da ilusión por aportar políticas transformadoras, por loitar para que as institucións sexan útiles para a cidadanía, non un cortello de nepotismo, que é o que levan sendo durante décadas tanto o Concello como a Deputación.
A xestión cultural deste último mandato foi obxecto de crítica polos demais partidos políticos, que plans ten neste eido?
Non só deste último mandato. Jácome deulle o tiro de gracia á cultura (cousa que xa advertira que faría), pero xa levamos moitos anos de desmantelamento do tecido cultural de Ourense. Déuselle carpetazo a moitas expresións artísticas, dende a música á fotografía, pasando polo cinema ou o teatro. Para Agora Ourense é unha absoluta prioridade recuperar todas esas actividades culturais, porque contamos con moitísima xente con talento en moitos eidos… no rock, na pintura, na literatura, no deporte, no cinema, no rap… hai veciñas e veciños de Ourense moito máis recoñecidos na súa faceta cultural polo mundo adiante que na nosa cidade, porque o desleixo das institucións fainos invisibles.
As enquisas non dan maioría absoluta a ningún partido, como ve o escenario para posibles pactos? Pactaría con Jácome polo ben de Ourense?
“Jácome” e o “ben de Ourense” non poden ir na mesma frase. O noso pacto é coas veciñas e veciños de Ourense que desexan un cambio real, non un cambio que supoña atrasar o reloxo 25 anos. Fixemos un esforzo para asumir a mensaxe que hai catro anos recibiu a esquerda en Ourense: “Unídevos”. É evidente que hai un espazo de votantes a esquerda do PSOE que quedou orfo de representación, pois ben, aquí estamos, unha candidatura ampla de esquerdas, con modelo de goberno, con resultados innegables no goberno de España, e con gañas de demostrar a eses votantes que poden confiar en nos. A cidadanía progresista ten que mobilizarse, porque un goberno de esquerdas non será posible se non acadamos representación. Se a veciñanza de Ourense quere un cambio realmente transformador, non pode quedar na casa. As enquisas coinciden en que aínda hai un número elevado de indecisas, e hai en xogo dous ou tres concelleiros que se non son para Agora Ourense probablemente sexan para a dereita máis rancia.
Retomando a vosa segunda pregunta, o día 28 de maio Ourense xógase moitísimo, xogámonos o futuro de todas e todos.