Colaboraciones

ESPORA, a rede de radios escolares galegas

ESPORA, a rede de radios escolares galegas – Artigo de Cristina Corral Soilán. Rede ESPORA

A radio vive nos últimos tempos unha nova xuventude nos centros educativos galegos. Desde hai uns anos, nos que un grupo de profesorado fundaron REDE ESPORA (Rede de Escolas Pola Radio) veñen dando cursos de formación debido á alta demanda que houbo deste recurso didáctico nas aulas galegas. Así, o que empezaron como unha aventura case en solitario veu a se converter nunha fonte de ledicia absoluta, onde puideron, cada curso, axudar a que moitos compañeiros e compañeiras redescubrisen un recurso indispensable na aula.

ESPORA, a rede de radios escolares galegas

ESPORA é unha plataforma escolar que pretende crear unha potente rede de EScolas POla RAdio. A plataforma nace da man de persoas dedicadas ao mundo do ensino e da comunicación.

ESPORA, a rede de radios escolares galegas
Foto: equipo ESPORA

A relación dunha maneira ou outra, cos medios de comunicación das persoas que conforman Espora permitiulles tomar contacto cunha ferramenta que consideramos non só útil senón necesaria para ser incorporada á escola no día a día polo seu enorme potencial pedagóxico.

No products found.

Esta é a razón que os levou a crer firmemente en que da mesma maneira que as esporas das plantas se diseminan por toda a xeografía, a aprendizaxe explícita e tamén implícita das ondas de radio debería chegar de centro en centro, espallarse e crear vida, así ata nos permitir tecer unha enorme rede de escolas e institutos que compartan coñecementos a través das ondas.

Son moitas as experiencias de radio que o profesorado máis veterano lles contou nas formacións que levan impartido ao longo destes anos como membros do colectivo Rede Espora. Non en balde e segundo León, Martín e Pérez (1996), a idea de introducir os medios de comunicación nas aulas non é nova, pois nos anos sesenta xa se viu a necesidade de que estes se integrasen no sistema educativo.

Con todo, en moitos casos esas experiencias das que lles falaban viñan aderezadas con anécdotas cargadas de dificultades, na súa maioría técnicas e administrativas, que as facían tremendamente dificultosas e que, en caso de saír adiante, sempre era pola tesón do profesorado que se empeñaban no labor… afortunadamente sempre houbo moitos namorados e namoradas da radio no ámbito educativo.

As radios escolares

Cando se empezaron a montar as radios escolares nos anos oitenta, os mecanismos eran máis complexos e non estaba ao alcance de todo o profesorado o seu manexo e moito menos a súa montaxe.

Con todo, hoxe en día pódense poñer en marcha radios escolares de múltiples formas e con poucos ou moitos compoñentes e materiais, aínda que sempre de maneira sinxela. Así, unha simple gravadora, un micrófono conectado a un computador ou un móbil cunha aplicación de gravadora pódense converter nunha radio. Iso si, para ter unha ferramenta didáctica axeitada e contar cun espazo permanente dentro do centro escolar que funcione como radio é máis interesante facelo de maneira correcta.

No products found.

Ademais dos problemas de «cambio de chip» educativo, nas súas andanzas polos centros galegos como formadores, déronse conta de que un dos medos do sector docente no momento de traballar coa radio era o peor de todos: o medo ao descoñecido, e aí é onde ESPORA veu a súa necesidade de axudar a cantos centros educativos traballasen xa ou tivesen interese en traballar conxuntamente no mundo da Radio, compartir as súas experiencias e aprender das doutros.

Unha ferramenta de apoio

Por iso e pola súa banda, de xeito gratuíto ofrecen a tod@s cantos naveguen pola súa páxina, ferramentas, recursos, ideas que lles permitan montar, usar, manter e traballar cunha radio no centro. Asemade, operar de maneira simultánea e colaborativa entre os centros educativos de Galicia, deulles a posibilidade de establecer un mapa coordinado de radios escolares galegas.

No products found.

A través da súa páxina dan ademais tamén visibilidade a todas aquelas escolas e institutos que os fan partícipes da súa experiencia educativa a través das ondas e que queiran colaborar con Espora coas súas ideas ou coa súa mera presenza.

Nestes tempos de competitividade absoluta, o cooperativismo é un reto, pero en Rede Espora son daqueles que predican co exemplo, a radio está máis viva que nunca e o traballo cooperativo na aula fará que isto siga a ser así. Longa vida á radio… escolar! Longa vida ás ESPORAS!

ESPORA, a rede de radios escolares galegas – Artigo de Cristina Corral Soilán. Rede ESPORA

Botón volver arriba